Incendiaria e A Quinta do Cuadrante traen este domingo a San Sadurniño “A lúa vai encuberta”, de Manuel María

0

Este domingo 24 de outubro ás 19:30h. correrase o telón da Casa da Cultura de San Sadurniño para a representación da peza “A lúa vai encuberta”, montaxe da obra escrita por Manuel María hai máis de 40 anos pensando en que a escenificase a Agrupación Cultural Auriense. Nunca chegou a estrearse profesionalmente e agora, baixo a dirección de Tito Asorey, o texto do escritor chairego cobra vida da man das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. O prazo de reserva de entradas, que son gratuítas, abriuse hai tan só uns días e xa vai cuberta a metade do cabemento do patio de butacas, limitado a 75 persoas. Quen aínda non teña localidade debe contactar co técnico de Cultura en horario de mañá, ben chamando ou mandando un whatsapp ao 616 332 919, ben enviándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal indicando o nome e apelido e o número de entradas.

“A lúa vai encuberta” mestura as formas do teatro máis popular coas maneiras contemporáneas de abordar os textos, practicamente sen decorados e centrando a atención do público nas emocións das actrices e actores, neste caso o propio Asorey acompañado de Melania Cruz, Davide González e Vanesa Sotelo.

Manuel María dálle forma á historia de Galicia durante varias décadas tomando como punto de partida o ano 1936 e continuando logo por distintos episodios -o asasinato de Daniel e Amador e a revolta das Encrobas, entre eles- enfiados pola sombra da represión, pero tamén pola luz da resistencia, palabras que utiliza Manuel Xestoso nunha crítica publicada hai escasas semanas no Sermos Galiza, cadrando coa estrea da obra, 44 anos despois de ser escrita, no Teatro Principal de Ourense.

Segundo Xestoso, “A lúa vai encuberta” fala diso, “de represión e resistencia”, pero tamén “de colonización e de emancipación, de fascistas que se transformaron en demócratas e de demócratas que alguén transformou en terroristas. Fala do silencio que o ocultou todo. Do pacto de esquecemento que propiciou que os protagonistas da nosa historia contemporánea sexan os eucaliptos, a minaría salvaxe, o espolio eólico, a mocidade condenada á emigración”.

Unha obra que o crítico cualifica como “unha farsa” parella do “sainete” vivido nos capítulos da historia galega dos últimos 80 anos.  “Nada máis semellante a unha farsa que o chotis bailado polos valedores do bilingüísmo harmónico e os defensores dunha autonomía aprobada con máis de dous terzos de abstención; nada máis próximo ao sainete que a volta triunfal de Castelao da man dos seus executores. A montaxe detalla as cifras e sinala os datos: explica como transiximos ante o engano desde o punto de vista dos enganados, desde a mirada perplexa dos que volven ao lugar do crime e descobren que son as vítimas”, reflexiona o escritor, tradutor e crítico Manuel Xestoso.

“A lúa vai encuberta” é, en definitiva, unha obra teatral sobre a memoria colectiva, ou máis ben sobre o descubrimento desa memoria, que A Quinta do Cuadrante e Incendiaria souberon actualizar “nunha alquimia que converte o contemporáneo en clásico, o circunstancial en intemporal”.

Na coprodución participan tamén a Casa Museo Manuel María, CDG e MITFC, co patrocinio das Deputacións de Ourense, A Coruña e Lugo. Chega a San Sadurniño tan só un mes despois da súa estrea en Ourense e despois deste domingo 24 -lembremos, 19:30h., Casa da Cultura- continuará de xira ata abril por outros 17 concellos galegos.

Até hoxe reserváranse arredor de 40 localidades das 75 ofertadas para a representación. Para facerse con entrada hai que contactar co Técnico de Cultura antes do venres chamando ao 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Prégaselles ás persoas que fagan reserva e despois non poidan ir que comuniquen a cancelación, co obxectivo de cederlle a butaca a quen poida estar en lista de agarda.

Share.