O Concello de San Sadurniño, a través das áreas de Igualdade e Servizos Sociais, volveu implicarse neste 2024 na campaña de concienciación e normalización das diversidades sexuais e afectivas “Liberdade de Ser e Sentir!” da Deputación da Coruña. Chegado o outono, dentro da campaña programáronse dúas actividades dirixidas á rapazada do CPI e tamén ás persoas usuarias do Centro de Día.
No caso das persoas maiores, será este martes día 10 a partir das 11:30h cando a asociación a prol dos dereitos LGTBI+ ALAS A Coruña imparta unha charla arredor das situacións que aínda se producen na actualidade, como é a marxinalización de calquera opción que se aparte do que se deu en chamar “heteronormalidade” ou, o que é o mesmo, considerar que as relacións afectivas e sexuais hetero (entre mulleres e homes) son as únicas aceptables e válidas para a sociedade.
A área de Igualdade ordenou de levar o faladoiro ao Centro de Día “como unha oportunidade para sensibilizar e achegar información sobre a historia e os dereitos LGTBI+ tamén ás persoas máis maiores”.
Doutra banda, a cooperativa Rexenerando -que tamén xestiona o programa ambiental Terra de Vida- vai poñer en marcha o proxecto LAB LGBT cadrando co inicio do curso escolar. Trátase dun programa educativo apoiado pola Deputación da Coruña co que traballarán coa rapazada conceptos vencellados coas diversidades sexuais, ademais de fomentar a xeración de ideas sobre como acadar a normalización social desas diversidades.
O programa, presentado hai uns días comezou a andar no mes de maio articulando a rede de concellos -tamén están Narón, Fene, Valdoviño, Neda e Ferrol- e de centros de ensino participantes. A partir de outubro e durante o primeiro cuadrimestre, o LAB LGBT continuará con obradoiros para o alumnado de 4º ESO do CPI, formación para docentes e familias, e traballo específico co persoal do Concello con competencias en Igualdade. Ademais traballarase co alumnado na xeración de ideas para a sensibilización neste campo, que poderían chegar a integrarse finalmente na programación municipal.
As actividades prolongaranse até practicamente as vacacións de decembro, momento no que se organizará un acto final. O obxectivo do LAB é xerar unha rede de concellos, persoas da comunidade educativa e alumnado comprometida co respecto polas distintas maneiras de ser e sentir.