Igrexafeita e Naraío anuncian os seus “sanxoanes”

0

Cada vez faltan menos días para a noite do San Xoán. Exactamente nove contados desde hoxe, para falarmos con máis precisión.  A festa do solsticio cae este ano en domingo e por esta razón as entidades adiantarana ao venres ou o sábado. Dous dos colectivos que xa anunciaron “sanxoanes” son a AVV Adiante de Igrexafeita e O Castelo de Narahío, que puxeron as súas respectivas cacharelas para a noite do sábado 22. Desde o Concello lémbrase que tanto estas saltas como as organizadas por particulares deben presentar o 19 como moi tarde a preceptiva comunicación previa do lugar de celebración, que logo se lle trasladará ao Distrito Forestal para que teña constancia ante calquera eventualidade. 

A parroquia de Igrexafeita volverá citarse no local social da Torre cun programa que arrancará ás 21:00h coa actuación do Mago Román. O ilusionista coruñés trae un espectáculo cheo de números clásicos e de mentalismo, envoltos en humor e participación do público.

A asociación veciñal Adiante ten como marca da casa servir polo San Xoán unha cea para comer coas mans que sempre inclúe a sardiña como prato principal. Canda este peixe tan prezado neste tempo tamén se servirán, a partir das 22:00h, chourizos asados, ademais de pan, bebida e doce para a sobremesa, na que é habitual que se sorteen todo tipo de agasallos.

A cea ten un prezo de 3 euros para as persoas socias e de 8 euros para as non socias. Tanto unhas coma as outras terán que reservar antes do 19 de xuño aos teléfonos 696 912 975 ou 650 484 580.

A noite finalizará co prendido da lumeirada a iso das 23:30h. Ademais, entre as nove e as once da noite, a asociación contará con animación para as nenas e nenos máis pequenos con La GuaGua.

En Naraío, música e pinchos
Por outra banda, en Naraío tamén se xuntarán o sábado 22 no local social da Veiga (no campo de fútbol) para celebraren o lume solsticial. Farano con música do dúo Boreal e petiscos canda as consumicións.

Preto das 12 da noite prenderase o lume máxico da cacharela e haberá unha queimada para esconxurar os meigallos e malos espíritos. Tralo rito, a festa proseguirá ata ben entrada a madrugada. Neste caso non fai falla reserva.

Cabe agardar que durante toda esta fin de semana as fogueiras se multipliquen por todo o territorio, e que incluso algunhas queden para a fin de semana seguinte na honra do San Pedro. Todas elas están suxeitas a unha comunicación previa que debe presentarse no Concello ou na Sede Electrónica o día 19 como moi tarde.

No impreso teñen que indicarse os datos da persoa ou entidade responsable e máis o lugar e a data de celebración da cacharela. O documento tamén é unha declaración dos compromisos que se asumen, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagala  inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que as brasas estean totalmente apagadas e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter o lume sempre baixo control.

 

Share.