Ide pedindo vez para a ITV agrícola, que volve en decembro pola nosa zona

0

Syc-Itv Applus+, a empresa concesionaria das inspeccións técnicas de vehículos, informou hoxe ao Concello que a estación móbil da maquinaria agrícola volverá pola nosa zona dentro de mes e medio. Concretamente o día 3 de decembro atenderá pola mañá en Santa Mariña do Monte, mentres que o 14 de decembro estará pola mañá e pola tarde en Igrexafeita.  É necesario pedir vez a través do 902 309 000 ou da web www.sycitv.com. Ademais, tamén cómpre ter en conta outras localizacións que caen nesas datas en concellos limítrofes que, quizais, lle cadren mellor a quen teña que pasar a itv do tractor.

Os tractores agrícolas, a maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais -excepto motocultores e máquinas equiparadas- teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos. Dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é obrigatoria todos os anos.  Iso si, se os tractores superan os 40 Km/h. a primeira revisión debe pasárselle aos 4 anos, dos 4 aos 16 será bienal e a partir de aí anual.

Superar a revisión é unha obriga legal para poder circular, pero a itv tamén é o lugar onde poden detectar calquera problema grave que lle afecte á seguridade . Un tractor que non frea ben, coas rodas lampas ou coa dirección frouxa é un perigo para quen guía pero tamén para outros vehículos e persoas que circulan pola vía. Entre 2010 e 2019 producíronse 474 mortes facendo labores agrícolas, das que 292 estiveron relacionadas directamente co manexo destes vehículos.  Grande parte das vítimas foron maiores de 65 anos e nunha porcentaxe moi elevada faleceron esmagadas debaixo do tractor, xa for por un exceso de confianza ou ben por non ter a máquina en condicións.

Neste sentido, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral -organismo dependente da Xunta de Galicia- vai máis aló da recomendación de que o tractor teña a itv pasada e insiste na conveniencia de que as máquinas máis vellas dispoñan de arcos ou cabinas de seguridade homologadas e que se extremen as precaucións coas tomas de forza e o manexo de apeiros.

ITV en Santa Mariña, Igrexafeita e noutros puntos da zona
A unidade móbil da ITV de vehículos agrícolas acudirá a Santa Mariña do Monte na xornada do 3 de decembro atendendo unicamente en horario de mañá, de 9:00 a 13:30h.

O día 14 de decembro a estación trasladarase a Igrexafeita con horario de mañá e de tarde, é dicir, de 9.00 a 13.30h. e de 15.15 a 18.00h.

Ademais destas datas en San Sadurniño, a ITV tamén acudirá durante decembro a lugares próximos doutros concellos que poden quedar máis á man e para os que tamén se pode solicitar cita previa no  902 309 000 ou  na web www.sycitv.com. Por orde de data son as seguintes:

  • 2 de decembro, Estación de Servizo da Cooperativa de Vilaboa: de 9:00 a 13:30h e de 15:15 a 18:00h.
  • 9 de decembro, Recinto feiral de Moeche: de 9:00 a 13:30h e de 15:15 a 18:00h.
  • 10 de decembro, Cerdido (Feira da Barqueira): de 9:00 a 13:30h.
  • 15 de decembro, Campo da festa de Pedroso: de 9:00 a 13:30h.
  • 17 de decembro, Polideportiva do Roxal (Neda): de 9:00 a 13:30h.
  • 20 e 22 de decembro, Cooperativa da Capela (Os Calzados): de 9:00 a 13:30h e de 15:15 a 18:00h. os dous días.

Ademais de ter cita previa, o propio día hai que acordarse de levar a tarxeta de inspección técnica e o permiso de circulación do vehículo. Tamén é recomendable levar o xustificante do seguro, aínda que non imprescindible, posto que a empresa cotexa coa base de datos das aseguradoras que o seguro obrigatorio está en vigor no momento de pasar a inspección.

 

 

 

Share.