O programa Galicia sabe AMAR traerá unha das súas foodtrucks este sábado á Feira Rural de San Sadurniño, onde ofrecerá degustacións gratuítas entre as 12:00 e as 15:00h e de 17:00 a 20:00h, hora de remate do evento. Galicia sabe AMAR é unha campaña iniciada en 2021 que se centra na promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, así como na posta en valor do traballo que desenvolven todas as persoas vinculadas coa cadea mar-industria. En San Sadurniño poderemos probar varios petiscos feitos con delicias procedentes do mar e das rías, maridados nesta ocasión con produtos da terra da máxima calidade e tamén galegos.
Galicia sabe AMAR é unha iniciativa da Consellaría do Mar con fondos europeos que leva tres anos percorrendo Galicia e outras zonas do Estado con catro furgóns-cociña que van facendo rutas predefinidas por distintas vilas -preferentemente de máis de 1.000 habitantes- e que adoitan programar as súas paradas cadrando con eventos destacados, como é o caso da feira deste sábado en San Sadurniño.
Así, tanto ao mediodía como a media tarde, a foodtruck da campaña estará aparcada no recinto da Cortiña mostrando a preparación e dando a proba de distintas tapas cunha presentación moi coidada e sabores exquisitos que combinarán o mellor do mar co mellor da nosa terra.
E é que para a rolda desta temporada de Galicia sabe AMAR deseñáronse un total de 13 receitas variadas -non todas se servirán en San Sadurniño- con nomes tan suxestivos como “Milfollas de brandada de lirio e marmelada de pementos vermellos da Arnoia con wakame”, “Humus de fabas de Lourenzá e Mexillón de Galicia á carbonara de mar”, “Croqueta de queixo de San Simón da Costa con lascas de ventresca de Bonito do Norte con marmelo” ou “Brocheta de polbo á feira e cachelo de Coristanco”, entre outros.
Sobra dicir que as degustacións serán gratuítas e, ademais, quen quede con bo sabor de boca tamén poderá tentar reproducilo na casa acudindo ás receitas dispoñibles na web do programa, co que se busca en último caso seguir promocionando a riqueza piscícola e marisqueira de Galicia e o seu aproveitamento sostible, ademais de lembrarnos a súa importancia para manter unha dieta equilibrada e tamén recoñecer o traballo das persoas que se dedican á extracción, cultivo e transformación de todo o que nos vén do mar.