Ferreira reestrea este domingo o palco da música inaugurado hai 85 anos polo alcalde republicano Vicente Castro Naveiras

0

O palco da música situado ao carón da igrexa parroquial de Ferreira inaugurouse o 17 de xullo de 1936, xusto na véspera do golpe de estado militar que desencadearía a Guerra Civil. Debería terse estreado polas festas do San Paio daquel ano pero, segundo parece, as obras demoráronse e foi necesario retrasar o acto. Presidiuno o alcalde Vicente Castro Naveiras, natural da parroquia, quen poucos días despois sería relevado do seu cargo polo tenente da Garda Civil de Ortigueira. Pouco antes de que esta edificación tan singular faga os 85 anos, o Concello volverá inaugurala tras investir algo máis de 13.000 euros na súa restauración e, desta vez si, farase cadrar na fin de semana en que tocaría o San Paio. O acto está fixado para este domingo 27 de xullo ás 12.00h coa actuación da Banda de Música de Ortigueira e coa presenza dunha das fillas e varios descendentes do único alcalde que tivo San Sadurniño durante a Segunda República.

Á figura de Vicente Castro Naveiras (Ferreira, 1882-1979) refírese abondosamente e cunha chea de documentación a web Fálame de San Sadurniño, onde se describe ao rexedor como “home bo e xusto” á cabeza dunha corporación “de carácter conservador” e máis ben moderado -salvo polos mediáticos enfrontamentos cos socialistas-  que impulsou distintas melloras sociais no municipio, ademais de facer campaña de forma activa a prol do Estatuto de Autonomía.

A web das historias de San Sadurniño tamén sinala que “posiblemente” unha das derradeiras actividades do ferreirés como alcalde fora a inauguración do palco de música da súa parroquia, o 17 de xullo de 1936, véspera do golpe militar que acabaría desencadeando unha Guerra Civile 40 anos de ditadura.

Castro Naveiras, apunta Fálame…,”mantivo a vara de alcalde con dignidade ata o 26 de xullo de 1936, no que foi cesado polo tenente da Garda Civil de Ortigueira, Maximino Lobo Navascués e substituído polo comerciante local Pelayo Casal“. Segundo relata o profesor Manolo González, o alcalde non foi represaliado debido “á moderación amosada durante o seu mandato” e, principalmente, polos informes favorables que del fixeron tanto o sarxento da Garda Civil como o crego de Ferreira. “Sempre foi un home xusto, educounos para que nunca odiaramos a ninguén. Nunca o vin enfadado e non se perdía un informativo da televisión”, lembran as suas netas Margarita e Julia Álvarez Castro.

Homenaxe ao pé do palco
Vicente Castro Naveiras morreu aos 96 anos na súa casa da Fraga, en Ferreira, o 27 de xaneiro de 1979. Só faltaban 30 días para a celebración das primeiras eleccións municipais democráticas desde 1931. Aínda lle viven dúas fillas, Matilde e Claudina, dos sete homes e mulleres que naceron do seu matrimonio con Dolores Piñeiro.

Claudina -quen aínda lembra aquel 17 de xullo do 36 e os días de medo e tensión que viñeron despois- asistirá, na compaña de familiares e veciñanza, á reinauguración do palco deste domingo, despois de que o Concello investise 13.000 euros na súa restauración.

Será a ocasión perfecta para recordar a figura do rexedor republicano e tamén a dos benefactores da Arxentina e do Uruguai que achegaron os fondos para construír o pequeno quiosco situado ao pé da igrexa de San Paio, o único que queda en San Sadurniño e un dos poucos que perviven en toda a comarca.

O acto comezará ás 12.00h coa actuación da Banda de Música de Ortigueira, de onde tamén proviña  a Banda Garrote que tocou no mesmo lugar hai case 85 anos. No lateral da igrexa parroquial instalarase unha pequena carpa en previsión de que poida chover.

Share.