Ferreira organiza o seu quinto xantar popular no adro de San Cristovo

0

O xantar de confraternidade veciñal de Ferreira de Arriba leva trazas de converterse xa nunha tradición. O evento xuntará o próximo 13 de maio a xente que aínda vive na parroquia con outra que ten alí as súas raíces ou que, por afinidade ou por pasar o día, tamén se achegará ao adro da capela de San Cristovo para gozar de boa mesa e boa música. As reservas poden facerse mercando os tíckets no Bar Ferreira, na Parrillada María Queira ou contactando  cos teléfonos 639 261 413 – 646 228 733.

O menú que se servirá está composto por un primeiro prato de lagostinos á prancha seguido de churrasco de porco, chourizo crioulo e liscos, acompañados de pan, bebida, sobremesa, café e chupiño. Todo rico e abundante que se servirá baixo unha carpa instalada diante da capela do santo ao que se lle rende tributo a primeiros de xullo.

O prezo para mocidade e persoas adultas é de 27€, mentres que pola rapazada de 8 a 13 anos -con menú especial- só haberá que pagar 15€. Por debaixo dos 8 anos é de balde. O último día para gardar entrada é o 6 de maio, e para iso hai que chamar aos dous teléfonos de contacto que figuran no cartel anunciador ou ben mercar os tíckets no bar de Ferreira ou no María Queira, en Igrexafeita.

Ademais do xantar  tamén haberá música. O trío CQC animará, sobre as 14:00, a sesión vermú previa ao xantar. Despois de comer volverán subir ao escenario para prolongar a festa ata ben entrada a noite. Tamén está prevista a actuación do grupo tradicional Faíscas da Pontraga, dentro do programa Dinamizartj que se financia a través dos fondos para a Transición Xusta.

 

Share.