Aínda que o tempo non dea asentado, estamos xa na primavera. Días máis longos, máis calor -en teoría-, ánimo máis disposto para andar por fóra e para a festa. Por iso tanto o Concello como as entidades do territorio adoitan concentrar boa parte da súa actividade exterior a partir de agora. En San Sadurniño temos o último domingo deste mes a Feira da Plantación e, ademais, desde Ferreira e Santa Mariña tamén nos chegan propostas de lecer de cara aos próximos días. Tomade nota:
A primeira cita será o sábado 12 de abril na pista do local social da Seara, en Ferreira de Abaixo, coa celebración da Festa do Cocido. A xornada comezará ás 13:30 horas cunha sesión vermú animada polo grupo “El Jaleo de Lía”, que tamén será o encargado de poñer música pola tarde.
O prato forte do evento será o xantar popular ás 15:00 horas, onde se poderá degustar un completo menú composto por sopa de cocido, cocido, sobremesa, pan, bebida, café e licores, cun prezo de 27 euros por persoa. A rapazada ata 8 anos poderá asistir de balde, mentres que as nenas e nenos de 9 a 12 anos pagarán 12 euros. Para eles e elas haberá inchables durante a tarde.
Xa no serán, a partir das 20:30 horas, a diversión continuará co picadiscos local DJ Sebas RDGZ. Ademais, tamén virá unha polbeira, ofrecendo racións a 13 euros.
As reservas poden facerse ata o 9 de abril a través do 669 287 134, do 686 490 017 ou do 619 481 173. Tamén se poden mercar os tíckets nos establecementos colaboradores, Café Bar Palacio e Bar A Chabola.
Dúas semanas máis tarde, o sábado 3 de maio, celebrarase o xantar popular de Ferreira de Arriba, organizado pola Comisión de Festas de San Cristovo. Terá lugar baixo carpa na explanada da capela do santo e contará cun menú composto por paella, carne asada, sobremesa, pan, bebida, café e chupito. Da elaboración dos pratos encargarase o restaurante O Paso, de Candamil.
Os prezos son de 35 € para persoas adultas, 15 € para menores de 7 a 12 anos e de balde para crianzas de menos de 7 anos. A festa incluirá música de picadiscos e inchables. Os tíckets estarán dispoñibles ata o 29 de abril en varios bares da contorna: Bar Ferreira (A Chabola), Parrillada María Queira (Igrexafeita), Café Bar Del Palacio (San Sadurniño) e Taberna de Pancho (As Pontes).
Excursión a Muxía o día 12 coa ACRD Santa Mariña do Monte
Na outra punta do concello, en Santa Mariña do Monte, a asociación veciñal da parroquia promove unha excursión á Costa da Morte visitando o Cabo Vilán, Muxía -incluído o santuario da Virxe da Barca- e a fervenza do Ézaro, en Dumbría.
O autobús sairá ás 9:00 h do local social da Golpilleira, con regreso estimado ás 20:30 h. O prezo é de 37 € para persoas socias e 40 € para quen non pertenza á ACRD Santa Mariña do Monte. No prezo vai incluído o xantar, que se servirá no restaurante muxián “A Marina”.
O prazo para anotarse remata o 9 de abril e cómpre chamar aos teléfonos 630 811 062 ou 607 619 310. As prazas son limitadas e daráselle prioridade ás persoas socias.