Éxito da primeira Feira Rural da era COVID-19

0

A mellora da situación sanitaria e o feito de que a quinta onda da pandemia pasase por San Sadurniño cunha escasa incidencia en canto a número de casos, levaron ao Concello a promover unha Feira Rural de pequeno formato que permitise ir collendo o ritmo interrompido en 2020. Menos actividades paralelas, requisitos preventivos e tamén un menor número de postos inscritos, facían presupoñer que a afluencia de público ía ser máis baixa. Pero non, a cita estivo -coma sempre- moi animada desde media mañá até pasado o mediodía e volveu repuntar a partir das seis da tarde, nunha xornada moi agradable e sen competencia da praia. O balance que fai o Concello pasados escasos minutos do seu remate é “moi positivo”. Así o aseguraba o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, quen se mostrou sorprendido pola resposta da xente e tamén por como foi o día en canto a vendas.

Nesta edición da feira houbo arredor de 30 postos inscritos menos que na de 2019 “sobre todo de artesanía e segunda man. O parón da COVID fixo desaparecer algúns destes negocios”, explicou o edil. Pola contra, Varela destacou o incremento, aínda que leve, dos expositores de produto agroalimentario, entre os que se podía atopar de todo un pouco: chacinas, queixos, as exquisitas Maruxas de Nata que se producen en Santa Mariña, especias, herbas aromáticas, cebolas, allos, tomates… de todo, vaia.

Un dos que ofrecen unha valoración máis obxectiva da marcha deste tipo de eventos é José Luís Sanjurjo, de Bardaos. Ao mediodía falaba de que a horta se estaba resistindo, pero que os queixos e requeixos que levara para vender lle duraran un suspiro e, de feito, tivo que chamar a súa dona para que lle baixase máis xénero da explotación.

Na planta ornamental e culinaria, Micaela Campanini e o seu pai, Leandro, de Viveiros Flor Galicia e Herbas de Caaveiro indicaban que, a pesar de que a Feira Rural “non é a máis forte do ano” -sobre todo se se compara coa da Plantación- houbo boa saída de pés para xardíns e para a cociña. Para eles dous esta feira adoita ser máis relaxada que a de finais de abril “cando estamos en plena campaña e cerca do Día da Nai”. Hoxe instaláronse “á expectativa” sen ter moi claro se ía haber moito público nin tampouco se ía ter ansia de mercar. Quedaron sorprendidos do movemento que houbo, principalmente pola mañá, que se traduciu nunhas vendas máis ou menos iguais que as de anteriores edicións.

O da resposta do público tamén colleu por sorpresa á organización. “É malo de calcular. Nós sempre tomamos como referencia o número de coches no aparcadoiro. Houbo picos en que estaba a tope. Neses momentos foi comparable a outros anos”, dixo Manolo Varela.

Premios do concurso de froita
O responsable de Desenvolvemento local tamén destacou o incremento de lotes de froita exposta “que chegaron aos 50, máis que en outras feiras”, así como un número máis elevado de participantes no concurso para premiar as mellores castes producidas nas comarcas de Ferrol, Eume, Ortegal e Betanzos.

Ao certame presentáronse 14 cestillos. Os tres premios quedaron todos en San Sadurniño e foron para María Teresa Pouso por un espectacular cestillo de mazá roxa, para Brais Varela por unhas ameixas de arillo e para Juan Castrillón por un lote de peras manteiga negra, as que obtiveron a maior valoración do xurado… outro ano máis.

O potencial da Cortiña como espazo de lecer
Nesta edición da Feira Rural houbo maxia do Mago Antón, monográfico do Can de Palleiro, música dos Berros do Castro e tamén reivindicación en contra dos proxectos eólicos plafinicados para a comarca, neste último caso por medio dunha recollida de sinaturas e dunha repichoca que se armou nas zonas de sombra ao pé do Xubia.

O arboreto galego da Cortiña vai medrando pouco a pouco e xa ten un bo número de árbores que ofrecen recunchos de sombra ben agradables en días calorosos coma o de hoxe. O Concello decidiu -por razóns preventivas- non montar carpa para xantar, senón que optou por repartir as mesas por toda esa zona arborada. “Foi todo un acerto”, dixo Manolo Varela, aludindo a que a xente puido facer mesa e sobremesa sen présas en nun entorno “que se presta a vir de merenda”. O concelleiro adiantou que para o ano volverase tirar por esta solución e recalcou as posibilidades que ofrece a Cortiña para pasar un día ao aire libre.

Pensando xa na próxima
O concelleiro mostrouse “satisfeito, moi satisfeito” por como se desenvolveu o día e cualificou esta edición da feira como “un bo comezo” para ir retornando á normalidade que, agarda, poida ser o ano que vén “libre do perigo do virus”.

Share.