Éxito da III BTT Concello de San Sadurniño

0

A néboa e un orballo constante acompañaron durante boa parte desta mañá ás 150 persoas que participaron na III BTT Concello de San Sadurniño, coorganizada pola área municipal de Deportes e o club MTB Biela e Chaveta.  A cita desenvolveuse sen incidencias ofrecendo dous percorridos superpostos, un de 46,5 quilómetros e outro cercano aos 30, en ambos casos de dificultade media. A ruta foi non competitiva e, polo tanto, sen control de tempos. Porén, a organización puido verificar que o primeiro ciclista en pasar polo arco de chegada na ruta longa logrou completar o trazado en pouco máis de dúas horas e dez minutos. 

Os únicos trofeos que se entregaron foron para as persoas participantes de máis idade -Mónica Lama Pérez e Manuel Ares Fernández- e para as máis novas -Lucía Piñón Pereira e Daniel Couce Couce-. Tamén houbo un galardón para o ciclista chegado desde máis lonxe, que neste caso foi Enrique Murias Fernández, do Club Oiense (Oia, Pontevedra). O trofeo ao grupo máis numeroso foi para o Club Ciclista Narón e en canto a participación feminina houbo empate entre o Club Ciclista Esmelle e o Beny Gym.
A III BTT Concello de San Sadurniño rematou dentro do horario previsto cun xantar de confraterrnidade entre ciclistas, organización e persoas colaboradoras, a quen tanto o Concello como Biela e Chaveta lle agradecen a súa axuda controlando os cruzamentos de estradas, nos puntos de avituallamento e mesmo ofrecendo asistencia para recoller en distintos puntos ás e aos participantes que abandonaron a proba antes de rematar.
O consistorio e club lembran, por outra banda, que xa está aberto o prazo de inscrición para a seguinte cita coa bicicleta, que terá lugar en Naraío o venres 23 de agosto coa celebración da II Cronoescalada Sanrockeira,  unha dura subida sobre asfalto de algo máis de 3 quilómetros que se celebrará na véspera das festas patronais de Naraío.
A última proba do calendario municipal deste ano será unha BTT nocturna fixada para o 27 de setembro.
Share.