Este xoves remata o prazo de rexistro de ofertas para a mellora da accesibilidade do pavillón municipal

0

Na Plataforma de Contratos co Sector Público figuran desde principios de mes todos os documentos relativos á licitación das obras de mellora da accesibilidade no pavillón municipal de San Sadurniño. O prezo de saída do contrato son 76.668,20€, ive incluído, que o Concello sufragará cos remanentes económicos de 2020. As empresas teñen até as 23.59h deste xoves 29 de xullo para presentar as súas ofertas técnicas e económicas de cara a executar uns  traballos que non só reconfigurarán o acceso ás instalacións deportivas, senón que tamén habilitarán un espazo a cuberto para a rapazada do CPI no momento de entrar ou saír da escola.

As obras que se desenvolverán no pavillón teñen por obxectivo, en primeiro lugar, mellorar a accesibilidade ao recinto cambiando a entrada principal para a fachada sur do pavillón, que dá á nova rúa entre o Centro de Saúde e Marqués de Figueroa. Ao longo deste eixo hai varias prazas de estacionamento e un aparcadoiro dividido en dous niveis situado diante do cemiterio, co que se lle aforraría ás persoas usuarias do pavillón ter que empregar a entrada do CPI.

O cambio aínda tería vantaxes de mobilidade e accesibilidade engadidas, posto que, ao entrar, o público xa quedaría ao nivel das dúas bancadas principais e podería elixir a cal dirixirse sen ter que percorrer todo o perímetro das instalacións.

O proxecto, deseñado pola arquitecta municipal Montserrat Ruiz, tamén contempla a construción dunha pérgola duns 35 metros de lonxitude que cubra tanto ese acceso como a entrada ao patio cuberto do colexio. Deste modo garantirase que en días de chuvia a rapazada do centro de ensino non teña que agardar polo transporte á intemperie. Ambos espazos comunicaranse mediante unha rampa continua e co desnivel máximo que indica a normativa de accesibilidade.

Xunto co pintado, a instalación de iluminación led e os distintivos exteriores, esta parte das melloras cuantifícase en 76.668,20 euros. Unha cifra que, previsiblemente, se verá reducida nas ofertas económicas presentadas polas empresas que concorran ao contrato.

Cómpre lembrar, ademais, que esta non será a única actuación no pavillón municipal que se executará proximamente. E é que a Secretaría Xeral para o Deporte tamén comprometeu 45.426 euros para o cambio da superficie de xogo por un novo pavimento deportivo de PVC multicapa que cumpra coas certificacións da normativa UNE e que estea homologado para competicións internacionais en distintas disciplinas.

Entre a remodelación exterior e a substitución da cancha, o investimento reservado para o espazo supera os 122.000 euros. A maior parte dese importe será asumido directamente con fondos municipais, despois de que o pasado mes de maio se aprobase destinar 604.970 euros de remanentes tanto a obras como a equipamentos, entre eles a compra do novo compactador do lixo e dun tractor forestal,  a construción do saneamento de Silvalonga e A Portela e a modernización da EDAR de Cornide.

Share.