Este sábado organízase a primeira xeorruta do verán en San Sadurniño

0

O borde norte do Forgoselo está delimitado polo val do río Castro, un cauce que aproveitou a presenza dunha fractura para encaixonarse con maior facilidade entre as duras rochas graníticas. O do Castro é o que se coñece como val estrutural. Na zona de Riolimpo poden verse distintas fases da formación dos bolos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son curiosos buratos resultado da erosión. Estas son só algunhas das curiosidades xeolóxicas da nosa zona que se poderán observar e interpretar este sábado entre as 10 e as 14.00h na compaña do xeólogo Francisco Canosa, quen dirixirá un itinerario con partida no castelo de Naraío. A xeorruta, encadrada nas accións de dinamización do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, ten aberto até o venres o prazo de inscrición a través deste formulario. Hai un límite de 20 prazas e a participación é gratuíta. 

O xeólogo Francisco Canosa dirixirá o sábado 3 un itinerario no que poderemos descubrir a riqueza xeolóxica da zona do Forgoselo e tamén do val do río Castro, que delimitan polo sur o ámbito do proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal.

A ruta comezará ás 10 da mañá ao pé do castelo de Naraío, onde Canosa ofrecerá unha breve explicación sobre os períodos xeolóxicos da Terra para contextualizar neles o nacemento do bloque granítico do Forgoselo, a maneira en que se produciu a grande falla pola que discorre o río ou o proceso de formación das pías, dos bolos e das pedras cabaleiras que lle dán identidade á paisaxe.

Uns metros máis abaixo da fortaleza, ao pé da fervenza situada trala central hidroeléctrica do Castro poden verse varios exemplos incipientes de pías e, canda eles, tamén  “bolos” ou grandes rochas de granito formadas a partir de bloques maiores que se fragmentaron no interior da terra e que quedaron rodeados de materiais máis brandos.

O fenómeno dos bolos aínda é máis visible na zona de Racamonde -segunda parada da xeorruta deste sábado día 3 de xullo-, no límite noroeste do Forgoselo. Alí a erosión do envoltorio das pedras graníticas deixou as rochas unhas enriba doutras formando as denominadas “pedras cabaleiras” que en moitos casos desafían as leis da gravidade. Francisco Canosa comentará como se crean estas figuras litolóxicas que adoitan presentar tamén pías e taffonis, formas menores das paisaxes graníticas que, a diferenza das pías dos ríos, se forman por meteorización, é dicir polo efecto químico da auga apozando e evacuando nun mesmo punto durante xeracións.

Ese será, a grandes trazos, o contido dun itinerario que comezará ás 10 da mañá no castelo de Naraío. As persoas participantes deixarán alí o coche e, en primeiro lugar, subirán á fortaleza para ver os rochedos do Saíme e escoitar a explicación das eras xeolóxicas. Logo baixarán a pé até Riolimpo, onde se verán os primeiros momentos das pías e dos bolos e, posteriormente, regresarán ao castelo para coller os coches e subir a Racamonde, onde se fará un pequeno traxecto a pé até o punto máis elevado do concello seguindo a pista do parque eólico. Polo camiño faranse varias paradas para identificar as peculiaridades xeolóxicas da zona, desde onde se ten unha vista xeral da práctica totalidade do territorio comprendido no proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.

A xeorruta está reservada para un grupo máximo de 20 persoas. Para anotarse hai que cubrir o seguinte formulario en liña. Os seguintes itinerarios polo granito de San Sadurniño están postos para o 11 de agosto e para o 19 de setembro.

Máis de 50 xeorrutas este verán
Francisco Canosa guiará ao longo deste verán máis de 50 rutas polo ámbito do proxecto de xeoparque. Ademais da de Naraío, esta fin de semana tamén se desenvolverán as seguintes:

  • Venres 2 de xullo, de 10 a 16.00h. Xeorruta da Praia das areas negras, en Cedeira, con inscrición nestoutro formulario (máximo 15 persoas)
  • Sábado 3 de xullo, de 16.30 a 20.30h. Xeorruta do Cromo, en Cedeira, con inscrición neste formulario 
  • Domingo 4 de xullo, de 10 a 11.50 h (grupo 1) e de 12.10 a 14.00h (grupo 2). Xeorruta por Mina Piquito, en Moeche, inscrición neste formulario. Máximo 10 persoas maiores de 11 anos e pagamento por adiantado de 10€ na conta do Concello de Moeche.
  • Domingo 4 de xullo, de 16.30 a 20.00h. Xeorruta do litoral, en Cedeira, con inscrición neste formulario.

O calendario completo de xeorrutas previstas pode consultarse na web do proxecto do xeoparque.

 

 

Share.