Este martes abre o período de reserva de praza na EIM A Rolada

0

Entre o día 1 e o día 15 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de reserva de praza na Escola Infantil Municipal A Rolada para o curso 2022/2023. Este primeiro período está pensado para as familias que xa teñen nenos ou nenas matriculadas no presente curso e que, polo tanto, teñen prioridade á hora de volver inscribir as criaturas no centro. Para as novas incorporacións abrirase un segundo período de solicitude desde o 16 ata o 31 de marzo. En ambos casos o trámite poderá facerse de maneira presencial ou, preferentemente, a través da Sede Electrónica municipal

Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas no municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade. Só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño.

A escola dispón de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos.

O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá ou media xornada de tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e con saídas e excursións dentro do horario de atención, como parte fundamental do currículo do centro.

As tarifas vixentes para os servizos que presta a EIM son as seguintes, tras actualizarse co IPC correspondente a este ano.  De feito, as cotas saíron publicadas no BOP do pasado 18 de febreiro canda o resto de taxas e prezos públicos actualizados que aplicará o Concello ao longo de 2022:

CONCEPTOS

COTA VIXENTE

Matrícula (anual)

22,64 €

Mensualidade a xornada completa (8h.)

220,73 €

Mensualidade a media xornada (4h.)

132,44 €

Xornada de 2 horas

79,24 €

Hora complementaria (prezo mensual)

22,64 €

Hora extraordinaria (prezo diario)

3,96 €

Comedor mensual para almorzo

28,30 €

Comedor mensual para xantar

88,29 €

Comedor mensual para merenda

28,30 €

Comedor en día solto

4,53 €

 

Cómpre ter en conta que neste momento se está á espera de que a Xunta de Galicia  decrete a gratuidade do servizo para toda a rapazada e non só para segundos fillos ou fillas, aínda que de momento non se produciu ningunha publicación oficial ao respecto. A medida será de aplicación tamén na escola municipal tan pronto como se anuncie no Diario Oficial de Galicia e nos termos que estipule a Administración autonómica.

Para obter máis información sobre o procedemento de reserva de praza -e tamén do que se abrirá a mediados de marzo para novos ingresos- hai que contactar coa responsable técnica do Concello nas oficinas de Servizos sociais e Igualdade, no teléfono 981 490 027 ou no correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

As familias tamén poden dirixirse ao centro -981 490 369- onde lles facilitarán toda a documentación e solventarán calquera dúbida. As solicitudes deberán rexistrarse no Concello, ben de forma presencial ou preferentemente a través da Sede Electrónica municipal.

Folla de solicitude de reserva/solicitude de praza
Regulamento da EIM
Ordenanza fiscal reguladora 
Actualización de cotas tributarias, prezos públicos e taxas, segundo o IPC

Acceso ao trámite na Sede Electrónica Municipal

Share.