Este Entroido coloca un espantallo diante da túa casa ou negocio e poderás levar premio

0

Señoras, señores, nenas e nenos… vaian preparando os seus bonecos para participar nas “Entroidadas”, unha das actividades que nos propón a Concellaría de Cultura para celebrarmos as datas do carnaval. A idea é a mesma que na primeira edición, en 2022, e consiste en facer un espantallo tocando algún instrumento ou con algún motivo alusivo á música. Logo deberemos colocalo diante da casa ou do noso negocio de maneira que sexa visible desde a vía pública e, por último, haberá que sacarlle tres fotos para entrar no sorteo de dúas cestas de produto de proximidade valoradas en 100 euros cada unha.

As “Entroidadas” terán que estar expostas desde o 11 até o 26 de febreiro e cada domicilio ou negocio só poderá participar cun boneco ou boneca. Cultura marca como requisito imprescindible que os espantallos se refiran dalgún xeito á nosa tradición musical, xa que ese é o tema principal deste ano (en 2022 foi a cociña).

Podemos facer a nosa obra con palla, roupa vella, carautas… co que se queira, con tal de que quede unha cousa simpática. Tamén se permite engadirlle outros elementos e trangalladas que haxa pola casa para que a escena chame a atención aínda máis.

Unha vez que a teñamos lista deberemos sacarlle un máximo de tres fotos, preferiblemente en horizontal, e envialas ao whatsapp 616 332 919 ou ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal, indicando ademais o noso nome, o lugar e un teléfono de contacto.

Con todas as imaxes recibidas  (o 11 de febreiro é o último día para mandalas) publicarase unha galería en Facebook. Ademais tamén se participará no sorteo de dúas cestas de produtos comarcais de calidade por valor de 100 euros. A rifa farase no transcurso da Festa de Entroido que se celebrará na praza do antigo Concello o venres 17 de febreiro.

Entroido municipal
E é que ademais do certame “Entroidadas” organizado por Cultura, o carnaval en San Sadurniño tamén se vivirá ao grande na xornada do venres 17 de febreiro. Pola mañá, a partir das 11:30h, aproximadamente, haberá actividades dirixidas ao alumnado do CPI e da EIM A Rolada que se desenvolverán baixo unha grande carpa montada na praza do antigo o Concello.

Pola tarde, das 20:00h en diante, o espazo estará aberto para todas aquelas persoas e grupos que queiran participar nunha festa de Entroido con música dunha charanga, liscos a prezos populares e premios valorados en máis de 700 euros  para as mellores máscaras infantís, xuvenís, adultas, grupos e comparsas.

Share.