Estamos a dous días de estrear o Entroido

0

O programa de descentralización cultural “Algueiradas de inverno” ten prevista a súa primeira cita para a tarde deste sábado 19 de febreiro no local social de Naraío coa celebración dun Entroido moi especial que nos depara, a partir das 17:00h, un obradoiro e un desfile de disfraces, música e unha rica merenda, ademais dun concurso que premiará a orella máis feitiña. Será o primeiro evento da celebración carnavaleira, que concluirá ben entrado marzo en Bardaos e que, ademais, ten en marcha a convocatoria para decorar a porta da casa con espantallos e bonecos. O luns será o último día para enviar ao 616 332 919 as dúas fotos desas entroidadas para entrar no sorteo dunha viaxe colectiva a Allariz no mes de maio.

O Entroido de  Naraío arrancará sobre as 17:00h cun obradoiro de disfraces feitos con bolsas do lixo e outros materiais reciclados, aberto á participación de rapazada e persoas adultas. Ao seu remate haberá un desfile de máscaras -tamén para quen veña da casa co disfrace posto- no que se sortearán tres vales de 40€ para gastar en establecementos locais. Fai falla inscrición previa a través do 616 332 919.

A iso das 19:00h actuará a Escola Municipal de Pandeireta e tan pronto como remate o repaso do seu repertorio servirase un chocolate acompañado de biscoito e orellas.

No transcurso da tarde de carnaval adiantado tamén se desenvolverá  o concurso “A orella máis perfecta” pola súa feitura (non se valorará o sabor). Entregaranse dous premios, un outorgado por un xurado e outro polo público, consistentes en dúas cestas de produto de proximidade. Se o xurado e o público coincidisen no mesmo veredicto, a segunda cesta iría parar á seguinte orella exposta no local que obteña máis votos populares.

Estas actividades encádranse no programa de descentralización cultural “Algueiradas de inverno”, que tamén sinalou no calendario a actuación do grupo de Cantos de Taberna na igrexa parroquial de Santa Mariña -o sábado 5 de marzo ás 17:00h-, e o cabo do Entroido no local social de Bardaos o sábado 12 á mesma hora, coa actuación de Circus Magníficus e da Escola de Gaitas. Ese día tamén se organiza un concurso á procura do freixó máis grande do concello, que levará como premio un xantar ou cea para catro persoas nun restaurante local.

Entroidadas
Seguindo a fórmula do “Engalana o teu concello”, a área municipal de Cultura tamén nos propón vestir de Entroido todo o territorio, ao tempo que se lle rende tributo ás cociñeiras e cociñeiros que enchen as mesas de viandas durante estas datas de troula. Trátase dunha iniciativa que nos convida a confeccionar un espantallo vestido coma se estivese facendo de comer  e colocalo diante da casa mirando á vía pública.  Logo haberá que sacarlle dúas fotos e mandalas ao whatsapp 616 332 919 para entrar no sorteo dunha viaxe a Allariz. O luns 21 é o último día para enviar as imaxes.

As “Entroidadas” deberán estar expostas até o 6 de marzo e cada domicilio só poderá participar cun boneco. O premio será unha viaxe á vila ourensá no mes de maio para visitar o XII Festival Internacional de Xardíns. Poderán asistir dúas persoas de cada casa premiada -8 persoas en total-, a quen se lles porá un microbús con saída e volta a San Sadurniño no mesmo día, ademais de incluír na viaxe o xantar e as entradas na exposición de paisaxismo.

Os premios entregaranse no Concello o 11 de marzo ás 10 da mañá e, a maiores, sortearanse catro domicilios como suplentes por se chegado o momento algún dos gañadores do concurso non pode ou non quere ir a Allariz.

O concurso para a veciñanza tamén terá unha versión dirixida á infancia e a mocidade do CPI de San Sadurniño. No seu caso deberán colocar os bonecos ao longo da Avenida Marqués de Figueroa, de modo que o centro urbano de San Sadurniño tamén se vista de Entroido.

O Concello levará a cabo un sorteo que premiará a tres aulas do centro de ensino cunha grande merenda e entradas de balde na piscina municipal, aínda que para facer valedoiro o agasallo deberán agardar a que remate o curso e veña tempo algo máis quente que o dos últimos días.

Share.