Esta fin de semana habemos d’ir ao vólei… e despois ao Santiago

0

San Sadurniño encara unha das fins de semana grandes deste verán 2026. Fin de semana do Día de Galicia na que, por fin, parece que vai chover -tamén podía agardar a luns, que tampouco pasaba nada- e na que temos o radar do lecer dando sinal en dous eventos: o 4X4 Rei da Granxa de vólei praia que se xogará nas canchas do Mesón A Granxa durante todo este sábado, e a festa de Silvalonga, organizada pola Asociación ConcienciArte, que terá lugar durante a xornada do domingo ao pé da capela de Santiago. Vexamos como vai ser a cousa nos próximos dous días.

Por orde temporal toca falar en primeiro lugar do Rei da Granxa. O torneo promovido por Marcos Blanco Couce -coa colaboración do Aldebarán, do Concello, do Mesón A Granxa e dunha chea de firmas comerciais- comezará o sábado ás 09:00h disputando partidos simultáneos nas canchas de area situadas ao pé do mesón.

A organización rexistrou as inscricións dun total de 30 equipos. 140 deportistas de distintos niveis que se medirán nun torneo de equipos mixtos feminino/masculino con catro xogadores en pista -dous a cada lado da rede- e un máximo de 6 integrantes por formación. Todos xogarán entre si unha fase inicial para determinar o nivel de cada escuadra a un set de 21 puntos.

A partir desa clasificación formaranse dúas categorías, a Liga Ouro e a Liga Prata, co obxectivo de ofrecerlles partidos equilibrados tanto ás persoas máis experimentadas e competitivas como ás que só se anotaron co obxectivo de botar unhas pachangas. Iso si, cada equipo terá garantidos un mínimo de cinco partidos e coa inscrición tamén lles vai incluída a camiseta oficial do evento e un vale para o xantar, ademais de contar con vestiarios, duchas e espazo para facer noite.

Os equipos mellor clasificados recibirán premios achegados polas entidades colaboradoras e o que gane será proclamado, xa ben entrada a madrugada do domingo, “Rei/Raíña da Granxa 2026″.

Alén de vólei praia, arredor da zona de xogo vivirase un ambiente de festa constante, con música, espazo para xantar e cear, un posto de Bico de Xeado, barra, redes de uso libre, inchables para a rapazada e outras propostas para entreter tamén a quen está fóra da pista.

E o domingo, festa en Silvalonga
A seguinte cita da fin de semana encóntrase exactamente a 2,19 quilómetros en liña recta das canchas do Rei da Granxa. Falamos da festa do Santiago de Silvalonga, que volve estar organizada pola asociación cultural ConcienciArte no campo arredor da capela dedicada ao santo.

A veciñanza -e visitantes- deste lugar de San Sadurniño xuntarase para celebrar o patrón cunha programación que comezará ás 11:30 horas coa tradicional alborada, á que lle porá música o grupo da asociación Vai Rañala Meu!, de Sedes, que ofrecerán un pequeno concerto sobre as 12:15h no campo da festa, xusto antes da misa e da sesión vermú animada pola solista Vanesa Ramil.

A partir das 15:00 horas terá lugar o xantar popular, cun menú composto por salpicón de marisco, empanada, churrasco, refrescos, auga, viño, larpeira, café e licor. Tal e como informa a organización, ao peche do prazo para reservar anotáranse cerca de 80 persoas.

A programación continuará ás 16:30 horas coa sobremesa musical do grupo de Cantos de Taberna de Sansa, seguida, ás 17:00 horas, de actividades para a rapazada conducidas por Xela Barro. A xornada enfiará a súa parte final a partir das 18:00 horas cunha sesión de discomóbil e karaoke. Ademais, durante toda a festa poderá visitarse a mostra “Silvalonga no tempo”, unha exposición de imaxes antigas achegadas pola veciñanza coa que se recupera parte da memoria colectiva deste lugar de San Sadurniño.

Share.