O Aldebarán-Intasa encara a recta final da pretemporada organizando como anfitrión o XXIII Torneo de vólei Concello de San Sadurniño. Un cadrangular no que o equipo local recén ascendido á máxima categoría estará acompañado por outros dous equipos que esta temporada xogarán canda el en Superliga: O Grupo Herce Soria voleibol e o UC3M Voleibol Leganés, mentres que o cuarto convidado será a Textil Santanderina, que militará en SM2. Deste xeito, o pavillón municipal de San Sadurniño ofreceranos a oportunidade de ver en xogo un equipo moi renovado que aspira a consolidarse na primeira división do voleibol estatal.
O torneo deste sábado arrancará ás 10:00h co enfrontamento entre a CV Textil Santanderina e o Gurpo Herce Soria Voleibol . Dúas horas despois, ás12:00h, está previsto o partido do Aldebarán-Intasa San Sadurniño contra o UC3M Voleibol Leganés. Xa pola tarde disputarase a segunda parte do torneo: ás 17:30h o terceiro e cuarto posto e ás 19:00h a grande final.
Esta será a primeira oportunidade de ver practicamente ao completo o cadro deportivo deseñado pola directiva do Aldebarán para esta nova etapa na Superliga. Un cadro renovado de arriba abaixo que fomos coñecendo nas últimas semanas a través das redes sociais do club.
Entre as baixas cóntanse os nomes de Sebastián Razvan, Álex Vizoso, Luis Meza, Yoel Yoni Moreno, Rafael Albornoz e tamén o de Marcos Piñón “Pakito” e Marcos Blanco, lendas do vólei local saídas da canteira azul.
No equipo repiten Roi Losada, Jaime Caamaño, Lucas Wünschmann, Gabriel Zabala, Iván Dopico, Manuel Aba e Manuel Gomes. Canda eles incorpóranse Alejandro Vigil, Tiago Fernández, Flavio Rajczakowski, Brían Melgarejo, Sergio Acosta, ademais do segundo técnico, Alejandro Campos, e o adestrador Manolo Berenguel.
Trala disputa do torneo municipal, ao Aldebarán-Intasa quedaralle pouco máis de un mes para facer os últimos axustes de plantilla e estratexia de cara ao arranque ligueiro do 17 de outubro, día no que recibirán no municipal ao Pamesa Teruel (19:30h).
De cara a esta nova andaina na Superliga, o club tamén iniciou a campaña de aboamentos “para poñer o pavillón a ferver”. As cotas son de 30€ para rapazada con idades comprendidas entre os 10 e os 18 anos (as nenas e nenos ata 10 anos teñen entrada gratuíta), 75€ o abono xeral individual a partir dos 18 anos e 150€ no caso do abono familiar, no que entran dúas persoas adultas e dúas menores. A cota de persoa socia -sen incluír a entrada nos partidos- será de 30€.