En marcha as obras da ponte do Pozo de Lamas

0

O Concello iniciou a primeiros deste mes de setembro as obras de reparación da ponte do Pozo de Lamas, en Igrexafeita.  O proxecto céntrase na instalación dunha nova plancha de formigón e na reconstrución completa dunha das rampas, totalmente estragada polas riadas dos últimos anos. Trátase dunha obra na que se investirán preto de 44.000 euros e que, ademais, foi demandada pola veciñanza nos procesos do orzamento participativo. Dos traballos está encargándose a empresa Construcciones Daylu, quen nestes momentos xa ten listo o encofrado da estrutura principal.

O pontigo do Pozo de Lamas é un dos poucos accesos á ribeira sur do río Castro que existen en Igrexafeita, ademais de ser case a única maneira de entrar na área recreativa situada uns metros máis abaixo. A súa estrutura viuse afectada nos últimos anos por sucesivas enchentes que non só provocaron o debilitamento da construción ergueita pola veciñanza a mediados dos 80, senón que tamén comeron boa parte do terreo circundante deixando á vista grandes rochedos e facendo practicamente imposible o paso de tractores e outra maquinaria necesaria para os labores agrícolas e forestais.

Na zona os traballos van xa moi adiantados. O primeiro que se fixo foi retirar o punto de apoio central -o pontigo quedará cun só ollo- e neste momento está rematándose o encofrado para a instalación dun novo taboleiro de formigón armado de 3,40 metros de ancho dotado con varandas metálicas. O proxecto tamén inclúe a adaptación das cotas do camiño en ambas marxes, asegurando na parte sur unha correcta drenaxe das enchentes, especialmente fortes nese punto onde o regato de María Queira conflúe co río Castro.

A reparación da ponte deseñouse xa a principios de 2023. Pero antes de licitar as obras, o Concello tivo que tramitar as correspondentes autorizacións perante Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, posto que a zona é Rede Natura 2000. Tamén foi necesario pedir informe favorable do Instituto de Estudos do Territorio (IET) de cara a asegurar a súa correcta integración na paisaxe.

O Concello incluíu a actuación nun dos plans complementarios da Deputación do ano pasado, confiando en que o contrato puidese estar adxudicado e finalizado antes do inverno. Porén, esta previsión viuse trastocada polo feito de que non se presentou ningunha oferta para facer a obra, o que obrigou ao consistorio a recorrer á adxudicación como contrato menor, que recaeu en Construcciones Daylu por un prezo de 43.985 euros, impostos incluídos.

A construtora local calcula que os traballos poidan rematar a mediados ou finais de outubro, de modo que a nova ponte estaría lista para afrontar o remate do outono e o próximo inverno.

WhatsApp Image 2024-09-23 at 13.13.46_1920x1279_U_100_Fixed Width

A ponte, que será totalmente nova nun 90%, levará agora un único ollo sen soporte central

Share.