En marcha a licitación do POS+ principal e do plan de camiños da AGADER deste ano, co que se repararán 6,6 quilómetros da rede viaria local

0

O Concello ten activados na plataforma de contratación os procedementos correspondentes a catro licitacións de obra na rede viaria municipal, tres deles financiados coa parte económica principal do POS+ da Deputación da Coruña e un cuarto que se sufragará cunha achega do plan de mellora de camiños da Consellaría de Medio Rural. O investimento total -segundo o prezo que figura en cada proxecto- supera os 272.000 euros. Unha contía coa que se mellorarán 11 pistas que suman en conxunto algo máis de 6,6 quilómetros repartidos por distintos puntos do territorio.

Os proxectos acollidos ao POS+ principal  pecharon hai uns días a fase de recepción de propostas e agora tocaralle á mesa de contratación comprobar que cumpren os pregos técnicos administrativos, así como os prezos de cada oferta, que adoitan rebaixar o prezo final de cada adxudicación.

Con cargo a esta primeira remesa de fondos provinciais -neste ano aínda haberá máis por medio dos denominados Plans Adicionais- van volverse asfaltar as pistas dos Miguelares, na corda do monte de Igrexafeita, de 1.150 metros de trazado, e tamén a de Ramil, en Lamas, de 970 metros. Neste caso o proxecto ascende a 55.334,92 euros, impostos incluídos.

Por outra banda, o Concello tamén ten previsto renovar por completo o firme aglomerado do eixo A Fontela – O Eirexado, en Naraío, de 975 metros. Dentro do mesmo plan tamén se aniñou unha pequena reparación con asfalto -140 metros- na zona alta do lugar de Piñeiros, en San Sadurniño. O orzamento total da obra ascende a 70.305,56 euros.

O terceiro proxecto do POS+ principal agrupa outros catro camiños: 675 metros dunha pista en Silvalonga, outros 250 metros en Piñeiros, ambos en San Sadurniño; e, xa en Lamas, as pistas do Couto -465 m- e de Penacastrelo, de 240 metros. O prezo da licitación é de 44.335,04 euros.

As actuacións na rede viaria que están neste momento na fase de contratación complétanse coa mellora do eixo Vilela-Bouzarrara-A Fontela, na parroquia de Lamas, sobre unha distancia de 1,3 quilómetros. O prezo de licitación deste último proxecto ascende a 102.145,74 euros. Esta contía cubrirase con 84.418 euros provenientes das axudas autonómicas para camiños rurais, mentres que os custes do ive e outros gastos derivados do prezo final de adxudicación deberán ser asumidos polo Concello.  Dase a circunstancia de que esta obra virá darlle continuidade ao aglomerado As Ramisqueiras – As Leiras – Vilela, executado hai uns meses co plan Camiña Rural, nutrido tamén con fondos europeos.

Para completar o importe da achega, o Concello engadiu a reparación con asfalto dos accesos ao núcleo do Pico, en Naraío, que son en realidade dúas pistas, unha de 240 metros con inicio na Vila e outra de 215 que arranca no Piñeiro, que conflúen nunha gallada algo máis abaixo do lugar da Pradella.

Este paquete do POS+ principal e do plan de camiños permitirá renovar 11 pistas que suman máis de 6,2 quilómetros. Non serán as únicas que se liciten este ano, posto que o Concello está preparando máis intervencións con cargo ao segundo plan adicional da Deputación, para o que xa hai confirmado financiamento.

 

Share.