Empezan os obradoiros de memoria con grupos en San Sadurniño, Naraío e Lamas

0

Hai escasos días comezaron os obradoiros de memoria para persoas maiores ofrecidos polo Concello. Ata o mes de xuño desenvolveranse un total de 48 sesións distribuídas polas parroquias de Naraío, Lamas e San Sadurniño -lugares onde se formou grupo- para exercitar a cabeza e fomentar a relación social entre as persoas participantes. O programa introduciu varios cambios na edición deste ano. Un foi a cota mensual de 10€ por persoa e o outro a modificación do seu enfoque, que agora atenderá non só a manter en forma as habilidades cognitivas senón tamén á recuperación da memoria colectiva. Tamén está prevista para o 20 de marzo unha excursión ao espectacular Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, que conta nos seus xardíns cun grande mostrario de camelias.

Os obradoiros de memoria manteñen a filosofía de anteriores edicións como punto de encontro no que compartir tempo e parola -é habitual que a actividade vaia acompañada de café e algo para acompañalo-, pero tamén no que facer un traballo livián coa cabeza. A actividade  ten esa finalidade principal: exercitar o cerebro con exercicios moi sinxelos pero moi útiles á hora de previr esquecementos e despistes que habitualmente se asocian coa idade e que, en boa parte dos casos, teñen que ver máis coa falla de atención que cun proceso de dexeneración cognitiva (que tamén se pode detectar de forma precoz con sesións deste tipo).

Escribir, facer cálculos, debuxar… ou simplemente xuntarse para falar e recordar son maneiras de manter activa a cabeza e de reforzar as relacións sociais, algo que se promove nos obradoiros cunha compoñente a maiores: o repaso a como era a vida antano.

Durante este mes de febreiro as sesións abordan o cambio que se produciu nos fogares concibidos como espazos e como núcleo vital. En marzo tomarase o cine como eixo principal para ver ata que punto a cultura audiovisual cambiou os nosos hábitos e incluso de que maneira propiciou -ou obstaculizou- a liberación feminina. Durante o mes de abril traballarase arredor dos oficios e dos labores agrícolas. En maio tocaralle á recuperación do saber ancestral relacionado co poder das herbas medicinais e máxicas e, por último, no mes de xuño as actividades centraranse na recuperación de cancións, lendas e celebracións.

Os obradoiros de memoria activa desenvolveranse até mediados de xuño cunha periodicidade semanal, os luns en Naraío e Lamas e os xoves en San Sadurniño.  Combinarán a actividade a cuberto con outras ao aire libre. Mesmo hai programada unha excursión para o venres 20 de marzo que partirá ás 9.00h. da Casa do Concello con destino ao Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa. Alí, as 25 persoas inscritas nos obradoiros farán a ruta da camelia, ademais de visitaren este excepcional conxunto arquitectónico do século XVIII.

Share.