Empezan as obras de mellora da accesibilidade do pavillón municipal

0

A empresa Guerreiro Somozas S.L. iniciou hai uns días os traballos de remodelación da fachada sur do pavillón municipal co obxectivo de pasar para alí o acceso principal ao recinto, ademais de preparar a zona para que lle sirva de acubillo á rapazada do CPI ao entrar ou saír da escola en días de auga. O Concello investirá nas obras 70.879 euros -procedentes dos remanentes de 2020- e agárdase que rematen ao longo do mes de xaneiro.

Trala preparación da zona de traballo, a adxudicataria iniciou xa a fase de forxado do chan e en cuestión de días acometerá a apertura da que será no futuro a porta de entrada principal ás instalacións. Con este cambio, o acceso ás instalacións farase desde a nova rúa que vén desde o Centro de Saúde e que enlaza con Marqués de Figueroa polo lateral do colexio. Ao longo deste trazado hai varias prazas de estacionamento e un aparcadoiro dividido en dous niveis situado diante do cemiterio, co que se lle aforrará ás persoas usuarias  ter que empregar a entrada compartida co CPI, pechada durante a xornada lectiva.

A reconfiguración da entrada tamén terá vantaxes de mobilidade e accesibilidade engadidas, posto que, unha vez dentro, o público quedará  ao nivel das dúas bancadas principais e poderá elixir a cal dirixirse sen ter que percorrer todo o perímetro das instalacións.

O proxecto tamén contempla a construción dunha pérgola duns 35 metros de lonxitude que cubra tanto ese acceso como a entrada ao patio cuberto do colexio. Así garantirase que en días de chuvia a rapazada do centro de ensino non teña que agardar polo transporte á intemperie. Segundo comentaban responsables da adxudicataria hai tan só uns días, a edificación deste cobertizo será o que lles leve máis tempo, debido a que se construirá con formigón. Ao nivel do chan a zona cuberta entre o pavillón e a entrada ao patio da escola  comunicaranse mediante unha rampa continua e co desnivel máximo que indica a normativa de accesibilidade.

Xunto co pintado, a instalación de iluminación led e os distintivos exteriores, estas melloras no recinto alcanzarán os 70.879 euros de investimento, IVE incluído, como prezo ofertado pola adxudicataria para levar a cabo os traballos no prazo máximo de dous meses.

Cómpre recordar, por outra banda, que o Concello tamén renovou en agosto toda a superficie de xogo, cuxo custe -algo máis de 45.000 euros- se cofinanciou cun convenio asinado coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

O Aldebarán da SM recibe este sábado ao Ibiza
Malia as obras que están en marcha no pavillón, nos partidos de volei manterase a entrada do público pola porta de servizo lateral que vén utilizándose ultimamente (a que dá á rúa lateral do colexio), onde a empresa responsable dos traballos colocará unha pasarela de seguridade.

As próximas citas deportivas son esta fin de semana e, entre elas, destaca o encontro da Superliga Masculina de volei que enfrontará o sábado -19:30h- ao Aldebarán-Intasa co Ushuaïa Ibiza Voley. O equipo visitante é un rival en teoría asequible -marcha na parte baixa da táboa clasificatoria- contra o que a escuadra azul tentará refrendar cunha victoria a sensible mellora do xogo demostrada nos últimos encontros.

O Aldebarán quere encher o pavillón para un partido decisivo, sabedor de que a calor da bancada é un factor de grande axuda. Para que ninguén quede na casa, todas as persoas socias poderán retirar antes do encontro cadansúa entrada gratuíta.

Share.