Empeza a construción da primeira área de autocaravanas coa que contará San Sadurniño

0

Para estas vacacións de Semana Santa xa non chega a tempo, pero con toda seguridade de cara ao verán xa estará lista, e quizais para daquela -esperemos- a situación sanitaria sexa moito mellor para que poida ser utilizada tanto por turistas de dentro de Galicia como de fóra. Falamos da nova área de autocaravanas que onte mesmo empezou a construirse ao carón da horta de conservación de froiteiras “Carlos Fornos”, a escasos metros do paseo fluvial de San Sadurniño. O Concello investirá 18.000 euros de fondos propios neste novo equipamento, xurdido como proposta no proceso do Orzamento participativo de 2017.

O espazo terá unha superficie de 325 m². Deste total resérvanse 205 metros como zona de manobra e 120 para a propia área de servizo, que terá capacidade para dúas autocaravanas estacionadas en paralelo. No medio quedaralles unha illa onde disporán de auga potable, papeleiras e unha arqueta hermética para augas negras. Ademais, debaixo de cada posto tamén quedará un sumidoiro para augas grises e para os wc químicos que adoitan levar este tipo de vehículos. De feito, o deseño dos espazos leva unha lixeira pendente a catro augas que facilita o baldeo.

Como emprazamento elixiuse a parte traseira dos alpendres da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, xusto ao pé da caseta de Electra del Narahío S.A. As razóns da escolla son dúas: por unha banda aprovéitase a infraestrutura de saneamento e abastecemento coa que xa contan as dependencias da horta e, por outra, ofrécese un lugar tranquilo e chan a escasos metros da estrada de Ortigueira, punto de paso case obrigado e sen moita posibilidade de perda para quen percorre o norte da provincia.

O proxecto responde a unha petición feita no proceso do orzamento participativo de 2017 que o Concello acolleu como propia ante o aumento do tráfico de caravanas detectado nos últimos tempos pola nosa comarca  durante a primavera e o verán, aínda que en 2020 e nos primeiros compases deste 2021 o tránsito deste tipo de turismo se viu afectado pola situación sanitaria e pola prohibición de desprazamentos non xustificados entre comunidades. “A baixada do turismo de caravana é resultado da pandemia, pero parece lóxico pensar  que tan pronto volvamos á normalidade tamén se volverá reactivar esta maneira de viaxar. E para ese momento San Sadurniño xa estará preparado”, explica o responsable municipal de Turismo, Manolo Varela.

A nova área de servizo da Cortiña virá sumarse ao mapa de equipamentos deste tipo que hai na provincia, que na nosa zona se concentran nas grandes vilas e na faixa costeira. Áreas públicas deste tipo, pensadas para alixeirar augas e como moito facer noite, hainas en Ferrol -unha delas en Doniños-, outra no Río do Pozo, outra en San Mateo dentro da gasolineira da Cooperativa de Meirás, na praia de Pantín e outras dúas nas Somozas e nas Pontes, estas últimas a desmán do itinerario máis turístico do norte da Coruña. Neste cómputo non entran as áreas privadas nin tampouco os estacionamentos ofrecidos dentro de cámpings.

A área quedará ao carón das casetas da horta e a escasos metros da AC-862

A área quedará ao carón das casetas da horta e a escasos metros da AC-862

Todo o necesario a un paso
O perfil das persoas que viaxan en autocaravana é dun poder adquisitivo medio-alto que busca lugares tranquilos para facer paradas ou pernoctas dun día como moito. “A Cortiña é un sitio ideal para iso”, apunta Manolo Varela, xa que  o lugar escollido está relativamente afastado de ruídos, ten o paseo fluvial a un paso “e conta con outros servizos moi cerca: o Centro de Saúde e a farmacia; pan fresco, empanadas e pizzas no Enxerto, o súper da Cooperativa, os ultramarinos Calvo e Outeiro, varios bares e cafetarías (Atrium, del Palacio, Dzine e Santos) e tres casas de comidas nas inmediacións: A Granxa, O Ferrador e O Muíño do Pepe, este último pechado polo momento”. Ademais, engade Varela, “tamén se poden facer pequenas rutas ambientais e patrimoniais axustadas en duración e en distancias ao que busca a xente que opta por este tipo de turismo”.

Investimento integramente municipal
O importe total do proxecto iniciado este mércores ascende a 18.000 euros, ive incluído. Del ocúpase a construtora Daylu S.L., quen comezou polo replanteo antes de iniciar o próximo luns a escavación do terreo. A empresa agarda completar o encargo en cuestión de semanas. Para levalo adiante, o Concello tentou sen éxito obter axudas da convocatoria anual da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, a mesma coa que en 2018 se acondicionou o acceso ao Pico de Ferreira e se renovou parte da sinalización turística do territorio.

Finalmente a infraestrutura incorporouse a un paquete de actuacións financiadas con 133.000 euros de remanentes propios cos que executar tanto esta como outras seis obras máis, relacionadas coa mellora de vías e da rede de abastecemento de auga, así como coa conservación do patrimonio e a posta en valor do territorio como destino turístico.

Share.