O verán xa está posto a andar en canto ao tempo -diso non hai dúbida- e tamén en canto á sucesión de eventos culturais e festas parroquiais. Aquí, en San Sadurniño, a axenda estival lévanos esta fin de semana a Ferreira de Arriba, onde celebran o San Cristovo. Ao pé da capela na honra do santo haberá festa o sábado e máis o domingo, o primeiro día con “función” e verbena e o domingo con sesión vermú estirada durante a tarde. A seguinte cita trouleira será xa na fin de semana que vén en Santa Mariña do Monte.
O cartel do San Cristovo comeza coa sesión vermú deste sábado animada pola orquestra Ritmo, que estará acompañada pola noite polo Dúo Karamba.
O San Cristovo foi de sempre de merendadas, a pesar de que este costume foi perdéndose. Neste sentido, a Asociación veciñal Adiante de Igrexafeita tivo aberto até hai uns días o prazo para anotarse na comida campestre que teñen previsto facer o primeiro día da festa ao pé da festa (levan carpa). Para saber se aínda teñen algún oco libre ou obter máis información hai que chamar ao 696 912 975 ou 650 484 580.
Volvendo ao programa, o domingo a sesión vermú prolongarase practicamente até a tardiña coa música da orquestra Escaparate. E se a alguén lle entra a fame, que non rabee: no campo da festa haberá un posto de polbo.
18 e 19 de xullo, Santa Mariña
O foco festeiro apuntará a Santa Mariña do Monte na fin de semana que vén. O sábado 18 comezarán o día cun grupo de gaitas que rematará o percorrido preto das 13:30h, xusto a tempo para a misa previa á sesión vermú coa música do grupo Las Vegas. Pola noite esta formación alternará pases coa orquesta Galilea.
O domingo 19 só haberá función -tipo XXL, igual que en Ferreira, neste caso coa orquestra Pontevedra. O programa da festa de Santa Mariña avanza, ademais, que o 22 de agosto celebrarán ao pé da capela da Esperanza unha grande churrascada á que lle porán música o dúo Veneguay e outro grupo “sorpresa”.
Lembrámoslles ás comisións de festas e entidades veciñais que para publicitar os seus eventos na web e nas redes sociais municipais deben enviar o cartel ou a información básica ao correo concellodesansadurnino@gmail.com, ou ben mandar unha mensaxe a través de Facebook.