Dous obradoiros para aprender o básico dunha curtametraxe

0

Pasada a Feira Rural entramos de cheo na semana dedicada en San Sadurniño ao audiovisual. De xoves a domingo desenvólvese no territorio o VII Chanfaina Lab, o encontro de cineastas locais e alleos no que se producirán unha chea de curtametraxes que poderemos ver aló polo mes de febreiro, no arranque da oitava edición, e tamén en múltiples festivais de ámbito estatal e internacional. A filosofía do Chanfaina é tan simple como complexa ao mesmo tempo: durante a fin de semana hai que pensar, planificar e gravar unha peza con estilo, contido e formato totalmente libres baixo a única premisa de que se faga dentro desa fiestra temporal e sen saír do municipio. Á cita veñen novos valores do cine galego e xente de renome, ademais de contar cunha nutrida participación de realizadoras e realizadores da zona que nuns casos xa coñecen os rudimentos da linguaxe audiovisual e, noutros, será a primeira vez que se poñan a narrar cun móbil ou unha cámara. Pensando sobre todo nestes últimos perfís, a organización do Chanfaina Lab programou -como vén sendo habitual- dous obradoiros certamente interesantes, o xoves un centrado na montaxe audiovisual e o venres outro que tratará a captación do son ao vivo, que estarán impartidos por dous auténticos cracks na materia: o realizador Fran X. Rodríguez e o experto sonidista David Machado. En ambos ofertáronse 15 prazas. Aínda quedan algunhas libres, que poden reservarse no correo carmen.suarez@sansadurnino.gal ou no 616 016 793.

Xoves 1 de setembro, de 9:00 a 15:00h, Casa da Cultura: Obradoiro de montaxe “Corte a corte”
O prestixioso realizador Fran X. Rodríguez -quen estreou hai uns meses en San Sadurniño a súa última curta, “Devoradora de nenos”- mostrananos as distintas técnicas de montaxe pensando na produción de micromovies, que son iso, pequenas películas de non máis dun minuto e que, se cadra, son as máis difíciles de facer pola necesidade de axustar a historia a un tempo tan reducido.

Rodríguez ten ampla experiencia traballando en publicidade -onde o límite é aínda menor- e coñece ben as fórmulas para elixir os planos axeitados e para combinalos de maneira efectiva ao servizo da mensaxe. O obradoiro será de grande utilidade para aquelas persoas que queiran coñecer con máis detalle as características da narrativa fílmica breve.

A actividade será eminentemente práctica traballando con material seleccionado polo realizador e, ademais, anímase a que as persoas participantes traian o seu material gravado para utilizalo como base da realización das pezas.

Venres 2 de setembro, de 9:00 a 15:00h, Casa da Cultura: Obradoiro de son “Isto non se arranxa na posprodución”
O segundo taller do Chanfaina ocuparase de ensinarnos como facer unha correcta gravación do son directo. E é que, a diferenza do que se cre xeralmente, a calidade sonora dun audiovisual ten a mesma importancia -incluso máis- que unha boa elección do encadre e da luz.

Ademais -tal e como indica o acertado título do obradoiro- un sonido mal rexistrado é difícil amañalo despois na posprodución con resultados satisfactorios. Por este motivo, a organización do Chanfaina convidou ao experto sonidista David Machado, do estudio de son La Panificadora, quen acumula xa 8 premios Mestre Mateo e un Goya polo seu traballo en producións como O que arde, El desconocido, Ons ou Dhogs.

Para estes dous obradoiros, que se impartirán na Casa da Cultura, aínda hai dispoñibles algunhas prazas. As inscricións deben facerse no 616 016 793 ou en carmen.suarez@sansadurnino.gal.

Share.