O Concello de San Sadurniño abre este domingo 16 de marzo o segundo período de solicitude de praza na EIM A Rolada, dirixido ás familias que queiran matricular por primeira vez as súas crianzas en calquera das tres unidades onde queden vacantes tralo período de reserva. O último día para presentar a documentación é o 31 de marz e o trámite pode facerse a través da Sede Electrónica Municipal ou presencialmente na oficina do rexistro. O Concello pídelles ás familias que no caso de facelo en persoa pasen antes pola escola para verificar que non falta ningún papel. No centro -981 490 369- tamén lles solventarán calquera dúbida sobre o trámite e ampliaranlles información sobre o servizo.
Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas no municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade. Só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño.
A escola dispón de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos, aínda que nas unidades de 1 a 2 e de 2 a 3 anos esta dispoñibilidade está condicionada ás solicitudes de reserva presentadas nos últimos días por familias que xa teñen nenas e nenos matriculados no presente curso e que continuarán no centro o ano que vén.
O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, tres opcións: xornada completa, media xornada de mañá (9:00 a 13:00h) ou media xornada de tarde (15:00 a 19:00h). Os horarios de tarde están suxeitos a que haxa unha porcentaxe mínima de solicitudes que permitan manter o servizo.
Ás familias que precisen horas a maiores -sen superar as oito-, que deberán sinalarse nas solicitudes ou en calquera momento ao longo do curso, computaráselles como xornada completa. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e con saídas e excursións dentro do horario de atención, como parte fundamental do currículo do centro.
O servizo de conciliación é gratuíto en canto a matrícula e custes de atención (non así os servizos complementarios como é o caso do comedor). Ademais, en cumprimento da orde autonómica de gratuidade, a Xunta subvenciona unha parte do mantemento e dos servizos educativos, mentres que o Concello asume a outra parte para garantir que a atención sexa realmente de balde para as familias.
A documentación que se deberá presentar pode recollerse na EIM A Rolada ou descargarse das ligazóns que hai máis abaixo. Recoméndase pasar polo centro para verificar que non falta ningún papel antes de rexistralo no Concello, xa sexa presencialmente ou a través da Sede electrónica, onde tamén está habilitado o correspondente procedemento en liña. Na sede tamén se poden descargar os modelos para presentar en papel.
Aínda que o período de solicitude de admisión para novas incorporacións abre en domingo, as familias non deben preocuparse se teñen que agardar uns días para xuntar toda a documentación, posto que as prazas non se adxudican por orde de rexistro, senón que son valoradas de acordo co regulamento de funcionamento do centro. Ademais, o máis habitual nos últimos anos -que podería cambiar este- é que sigan quedando vacantes en todas as unidades despois de rematar os períodos de reserva e de nova incorporación.
Folla de solicitude (nela tamén se sinala a documentación complementaria que hai que presentar)
Regulamento da EIM