Do 1 ao 15 de marzo e do 18 ao 1 de abril: Solicitudes da EIM A Rolada

0

Entre o día 1 e o día 15 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de reserva de praza na Escola Infantil Municipal “A Rolada” para o curso 2019/2020. Este primeiro período está pensado para as familias que xa teñen nenos ou nenas matriculadas no presente curso e que, polo tanto, teñen prioridade á hora de volver inscribir as criaturas no centro. Para as novas incorporacións abrirase un novo período de solicitude desde o 18 de marzo ao 1 de abril, dado que o prazo xenérico que se dá todos os anos -do 16 ao 31 de marzo- comeza e remata en fin de semana. A documentación tanto para as reservas como para as solicitudes de ingreso haberá que verificala na escola infantil antes de rexistrala no Concello.

Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas do municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade e só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño.

A escola dispón de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos. A razón de abrir dous prazos de solicitude non é outra que a de garantir que os meniños xa matriculados este ano nas unidades de 0 a 1 e de 1 a 2 anos teñan asegurada a continuidade no centro co cambio de curso do ano que vén.

Así, o criterio de adxudicación das prazas é o seguinte:

1. Reserva de praza ordinaria, na que gozarán de preferencia para a adxudicación as nenas e nenos con matrícula neste curso. Á súa vez, terán preferencia na elección de xornada as familias empadroadas no concello.

2. Reserva de praza para fillas e fillos do persoal municipal e da EIM, que terá preferencia na adxudicación de vacantes existentes nas mesmas condicións que as persoas empadroadas.

3. Novos ingresos, que se cubrirán unha vez adxudicadas as prazas reservadas e seguindo os criterios de baremación recollidos no regulamento de funcionamento da EIM.

A Escola Infantil Municipal A Rolada presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá ou media xornada de tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.

As tarifas vixentes para os servizos que presta a EIM son as seguintes, que se incrementarán no momento en que se aprobe a actualización anual segundo o IPC.

Concepto Cota vixente
Matrícula (anual) 20,88 eur.
Mensualidade a xornada completa (8h.) 203,58 eur.
Mensualidade a media xornada (4h.) 122,15 eur.
Xornada de 2 horas 73,08 eur.
Hora complementaria (prezo mensual) 20,88 eur.
Hora extraordinaria (prezo diario) 3,65 eur.
Comedor mensual para almorzo 26,10 eur.
Comedor mensual para xantar 81,43 eur.
Comedor mensual para merenda 26,10 eur.
Comedor en día solto 4,18 eur.

Para obter máis información sobre os servizos da escola ou sobre os procedementos de reserva de praza ou de nova incorporación débese acudir ao propio centro -981 490 369-, onde  facilitarán toda a documentación e solventarán calquera dúbida. Unha vez cubertas as solicitudes tamén será alí onde fagan a comprobación de que non falta ningún papel para que logo sexan as propias persoas interesadas quen rexistren a documentación no Concello.

Documentación descargable:
Folla de solicitude  (.pdf), válida para reserva de praza e novas incorporacións
Regulamento de funcionamento da EIM A Rolada

Share.