Día de sol e calor para a estrea da temporada na piscina municipal

0

Chegou o día. Esta tarde de xoves, 24 de xuño, volve abrir a piscina municipal. A partir das 15.00h. xa se poderán utilizar de novo unhas instalacións que levaban pechadas desde setembro de 2019 e que en 2020 se mantiveron así por causa da pandemia. Ata hai uns minutos, dúas das persoas contratadas a través do PEL da Deputación seguían dándolle os últimos retoques ao entorno do vaso, co obxectivo de que todo estea en orde de revista para a estrea, que chega nun fantástico día de sol e de boa temperatura. Os prezos das entradas seguen practicamente igual que na anterior temporada: 3,36€ para a entrada individual adulta e 1,69 para as de até 14 anos. Uns prezos que se reducen considerablemente se se mercan abonos de temporada. O Concello abriu un prazo de reserva que finalizou hoxe no que a veciñanza de San Sadurniño solicitou 10 abonos familiares -44 persoas en total-, de maneira que, co aforo actual de 70 persoas, aínda habería dispoñibles abonos para outras 26, que poderán pedirse a partir de mañá sen ningún tipo de reserva para persoas empadroadas. Iso si, se as autoridades sanitarias incrementasen a capacidade máxima deste tipo de espazos, tamén se incrementarían na mesma proporción tanto as entradas como os abonos dispoñibles.

A piscina municipal permanecerá aberta desde hoxe até o 19 de setembro, ambos días incluídos, e cos mesmos horarios durante toda a temporada: de 15 a 21.00h. de luns a venres e de 14 a 21.00h. os sábados, domingos e festivos.

En espera dos cambios nos niveis de restrición que xa avanzou a Xunta, as instalacións arrancarán cun aforo limitado a 70 persoas, coa obriga de manteren a separación interpersoal -tamén dentro da auga- salvo que sexan conviventes, a prohibición de que se formen grupos de máis de dez persoas que non vivan xuntas e tamén co uso obrigatorio  da máscara, que só se poderá quitar no momento xusto do baño ou mentres se permaneza na toalla tomando o sol (se se está de parola con outra persoa haberá que tela posta). Non se poderán utilizar as duchas dos vestiarios e a permanencia tanto nestas dependencias como nos aseos deberá reducirse á estritamente necesaria.

A diferenza do 2019 -último ano de apertura-, neste 2021 a piscina só estará dispoñible para baño e non se ofrecerán cursos de natación polas mañás. As entradas diarias haberá que mercalas no bar da piscina -que tamén abrirá hoxe-, mentres que os abonos de temporada, sexan individuais ou familiares, deberán solicitarse de maneira anticipada pasando pola Casa da Cultura ou tramitándoos a través da Sede Electrónica municipal.

Os prezos das entradas diarias e dos abonos para esta temporada son os que se resumen no seguinte cadro. Esta última opción, a do abono, sae moito a conta se se vai acudir á piscina con regularidade. De feito, só con facer o cálculo atopamos que con tan só once baños xa teremos un prezo máis vantaxoso que cunha entrada individual.

Concepto

Importe (€)

Entrada individual diaria de persoas adultas

3,36 €

Entrada individual diaria de persoas menores de 14 anos

1,69 €

Abono de tempada para persoas adultas empadroadas (maiores de 18 anos)

29,76 €

Abono de tempada para persoas adultas non empadroadas (maiores de 18 anos)

38,26 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales o 50% ou máis estean empadroados no Concello)

53,14 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales menos dos 50% estean empadroados no Concello)

63,77 €

Abono de tempada familiar, por cada persoa a partires da 5.ª (independente do empadroamento)

5,31 €

 

Documentación descargable:
Folla de solicitude do bono (.pdf editable)
Folla de autoliquidación da taxa (.pdf editable, que deberá acompañarse do xustificante se o pagamento se fai mediante transferencia ou ingreso bancario)

Share.