“Quen dixo medo?” é unha campaña impulsada pola Deputación da Coruña na que se integraron 40 municipios da provincia co obxectivo de abordar a violencia por razón de xénero desde múltiples puntos de vista e traballando desde distintas frontes, como a da sensibilización entre a infancia e a adolescencia, concienciando sobre o xeito en que se exerce a violencia a través das novas tecnoloxías ou tratando as violencias -porque son moitas e de moitos tipos- que se dan dentro e fóra dos fogares.
Entre os obxectivos da iniciativa está o de dotar á poboación dos mecanismos, coñecementos e habilidades precisos para detectar as diversas manifestacións da violencia de xénero e actuar de xeito contundente ante ela. Así, a actividade desta mañá en San Sadurniño tivo unha parte referida á identificación desas situacións e ao xeito en que se debe actuar ante elas, mentres que a outra parte da sesión se ocupou da aprendizaxe de técnicas de defensa persoal coas que rexeitar posibles ataques, mantendo en todo momento a calma e a situación controlada.
Desde a Deputación resáltase como “fundamental” dotar ás mulleres dos mecanismos de defensa tanto físicos como psicolóxicos fronte a un posible agresor, “de xeito que a través das técnicas aprendidas poidan saír ilesas dunha situación de perigo”. Por outra banda, o obradoiro “Quen dixo medo?” tamén tivo como finalidade concienciar ás participantes sobre os seus dereitos e capacidades “fomentando a seguridade mediante a eliminación de estereotipos sobre a debilidade física feminina”.
O obradoiro estivo coordinado en San Sadurniño pola área municipal de Igualdade. Da parte teórica encargouse unha profesional especializada en psicoloxía e o apartado de autodefensa correu por conta de dous expertos en judo.