A Consellería do Medio Rural reabre desde hoxe a tramitación permisos para facer queimas de acordo coa normativa de aplicación, debido a que as condicións meteorolóxicas así o permiten. Isto significa que este venres 22 será o primeiro día para realizar queimas previamente comunicadas.
As comunicacións previas e solicitudes de autorización de queimas poden facerse desde a pasada medianoite a través da web do Medio Rural de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Ademais, en días laborables, tamén estará a disposición da cidadanía o teléfono 012, aínda que só para comunicar queimas de restos agrícolas amoreados, posto que as queimas de restos forestais requiren autorización previa, sendo maior o proceso de tramitación dado que é necesario presentar a petición con polo menos sete días de adianto.
En todo caso, desde Medio Rural lémbrase que as autorizacións e comunicacións deixan de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.
Máis información, nesta ligazón