O venres finalizou o prazo de solicitude de reserva de praza na Escola Infantil Municipal A Rolada para aquelas familias que teñen crianzas matriculadas no centro pero que van cambiar de aula no curso que vén. Ao peche dese prazo, o Concello rexistrou un total de 16 peticións, 13 para nenas e nenos que pasarán á unidade de 2 a 3 anos e 3 para meniños que cambiarán tralo verán á aula de 1 a 2 anos. Así as cousas, o centro dispón para novo ingreso dun total de 22 prazas, que poderán solicitarse desde hoxe e ata o día 1 de abril. A documentación pode recollerse na propia escola, por onde haberá que pasar de novo antes de entregala no Concello. As persoas que queiran facerlle algunha consulta á Axente de Igualdade en referencia coa EIM, deben saber que o horario de atención ao público do servizo é desde as 8.30 até as 12.30h.
A EIM A Rolada ten capacidade para atender 38 nenas e nenos. A distribución por cursos é a seguinte: 8 prazas para nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 prazas para criaturas de un a dous e 17 para a cativería de entre dous e tres anos.
Estas prazas ocúpanse en dúas quendas de solicitude, a primeira para familias con rapazada xa matriculada e a segunda -a que abre hoxe- para a incorporación de novo alumnado en calquera dos tres cursos na medida en que haxa vacantes trala reserva.
De acordo coas solicitudes presentadas no primeiro período, a escola infantil disporá para novos ingresos das 8 prazas da unidade de 0 a 1 ano, 10 prazas na unidade de 1 a 2 anos e tan só 4 prazas na aula de 2 a 3 anos.
A Escola Infantil Municipal A Rolada presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá ou media xornada de tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.
Trala publicación no BOP o venres pasado das tarifas actualizadas segundo o IPC, os prezos polos servizos ofertados quedan coas seguintes contías:
Concepto | Cota vixente |
---|---|
Matrícula (anual) | 21,09 eur. |
Mensualidade a xornada completa (8h.) | 205,62 eur. |
Mensualidade a media xornada (4h.) | 123,37 eur. |
Xornada de 2 horas | 73,81 eur. |
Hora complementaria (prezo mensual) | 21,09 eur. |
Hora extraordinaria (prezo diario) | 3,69 eur. |
Comedor mensual para almorzo | 26,36 eur. |
Comedor mensual para xantar | 82,25 eur. |
Comedor mensual para merenda | 26,36 eur. |
Comedor en día solto | 4,22 eur. |
Para obter máis información sobre os servizos da escola ou sobre os procedementos de solicitude de praza débese acudir ao propio centro -981 490 369-, onde facilitarán toda a documentación e solventarán calquera dúbida. Unha vez cubertas as solicitudes tamén será alí onde fagan a comprobación de que non falta ningún papel para que logo sexan as propias persoas interesadas quen rexistren a documentación no Concello. Ademais tamén se pode acudir cabo a Axente de Igualdade, que atende de luns a venres en horario de 8.30 a 12.30h. O último día para presentar os papeis é o 1 de abril.
Documentación descargable:
Folla de solicitude (.pdf), válida para reserva de praza e novas incorporacións
Regulamento de funcionamento da EIM A Rolada