Desde hoxe poden solicitarse as axudas do programa respiro familiar para coidadoras e coidadores de dependentes

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a nova orde de Respiro familiar orientada a que persoas dependentes ou con discapacidade gocen de estancias temporais en residencias que faciliten o descanso das súas persoas coidadoras habituais, ou ben que sexan atendidas na casa por profesionais. A través deste programa poderase obter unha axuda que cubra o 100% da estadía en calquera centro residencial de Galicia sen límite de tempo e ata un máximo de 1.500 euros. Se se elixe a opción de atención domiciliaria a achega máxima será de 1.000 euros. O prazo de solicitude está aberto desde hoxe até o 30 de outubro. Hai máis información tanto nas delegacións da  Consellaría de Política Social  como no departamento municipal de Servizos Sociais, onde atenden chamando ao 981 490 027 ext.1 para solicitar cita previa.

O programa de axudas ao respiro familiar para coidadoras e coidadores habituais non profesionais de persoas dependentes ou que precisen asistencia forma parte desde hai varios anos das convocatorias que lanza a Xunta a primeiros de ano. Porén, desde 2021 a tramitación e os requisitos para acceder ás subvencións son algo máis sinxelos, posto que se retiraron das bases os criterios de renda e tamén determinados condicionantes en canto ao tempo de atención domiciliaria subvencionada.

Os únicos requisitos das persoas coidadoras son o de residir en Galicia e o de cumprir coa normativa de subvencións (por exemplo non ter débedas coa Seguridade Social, con Facenda ou coa Xunta). Para acollerse á subvención, as coidadoras ou coidadores deberán atender de forma continuada unha ou máis persoas que se encontren  en calquera das seguintes situacións: ter recoñecida unha discapacidade física, psíquica ou mental igual ou superior ao 75% ou ben ter recoñecida a situación de dependencia de grao II ou II. As persoas que non se encontren en ningunha das anteriores circunstancias tamén poderán ser obxecto da subvención para as súas coidadoras e coidadores, sempre e cando  precisen de axuda para as actividades da vida diaria, acreditadas mediante informe médico e social.

A primeira posibilidade que se ofrece é Respiro no fogar, consistente nunha axuda económica de ata 1.000 euros para que as persoas coidadoras habituais  poidan botar man de profesionais  que as substitúan para tomar un descanso ou para atender obrigas ou necesidades persoais do tipo que sexan. Ese servizo poderá ser prestado por calquera empresa autorizada e con inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) ou por persoas legalmente acreditadas e con formación específica.

A segunda opción da convocatoria de subvencións é o Respiro en residencia para contribuír ao pagamento dunha residencia “ante unha necesidade puntual” e para “dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora”. A contía máxima da axuda poderá alcanzar os 1.500 euros e cubrir, igual que no Respiro no fogar, o 100% do gasto efectuado.

As solicitudes haberá que tramitalas antes do 30 de outubro, ben presencialmente ou a través da Sede Electrónica da Xunta. Quen precise máis información ou axuda para presentar a solicitude pode dirixirse aos Servizos Sociais municipais chamando ao 918 490 027 ext.1 para solicitar cita previa.

Convocatoria das axudas publicada no DOG do 7 de febreiro

Share.