Curso sobre a plataforma Zoom para directivas de entidades

0

O Concello convocará proximamente o primeiro Consello de Participación Veciñal do ano, no que se falará da convocatoria de axudas que se está deseñando para colaborar coas entidades nos seus gastos de funcionamento. A asemblea farase de maneira virtual e, por esta razón, Cultura ofreceralles ás directivas que o precisen un pequeno curso sobre como utilizar a plataforma de videoconferencias Zoom. As entidades deberán comunicar o seu interese contactando co técnico municipal no 616 332 919 ou mandándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

O curso impartirao a aula da Rede CeMIT e para participar nel fará falla ter na casa ordenador, tableta ou teléfono con conexión a internet. Desde a aula daranse as indicacións necesarias para descargar o aplicativo e tamén para unirse a unha xuntanza virtual en Zoom, a plataforma de videoconferencias grupais con maior difusión na rede e seguramente unha das máis sinxelas de utilizar.

O departamento de Cultura indica que haberá dúas sesións formativas de unha hora cada unha. É conveniente facer a preinscrición para saber cantas persoas das directivas precisarían facer o curso, recomendando ademais que haxa polo menos dúas participantes por cada asociación, o mesmo número de representantes que asiste habitualmente ao Consello de Participación Veciñal.

Share.