Cultura pecha o Entroido este sábado pola tarde en Bardaos

0

Con tanta auga como  disque vai vir esta fin de semana, o primeiro que se nos ocorre é quedar na casa cos pés metidos na cociña de ferro ou debaixo da manta empatando películas e series unha detrás doutra. É unha opción, pero hai outra, polo menos para a tarde do sábado. E é que a Concellaría de Cultura organiza unha nova “Algueirada de Inverno” en Bardaos coa que, ademais, pecha o calendario do Entroido. A partir das 17:00h o local social da Bañoca acollerá a actuación de Circus Magníficus, a do grupo de gaitas da escola municipal e un obradoiro de baile tradicional, que irán seguidos dunha merendada a base de chocolate e sobremesas típicas desta época. Ademais, o Concello tamén buscará -e premiará-  o freixó máis grande de San Sadurniño. 

O remate do Entroido en Bardaos, comezará cunha exhibición para a xente miúda e adulta dos malabares  de Circus Magníficus, o dúo de desventurados e catastróficos artistas circenses que, malia todo, sempre son garantía de risas e de números certamente espectaculares.

Trala súa actuación,  a iso das 18:00h, tocaralle subir ao escenario aos grupos de iniciación e perfeccionamento da Escola Municipal de gaita e percusión. Teñen preparado un repaso ás pezas aprendidas e requeteensaiadas nos últimos anos, ás que se engadirán algunhas outras incorporadas ao repertorio esta temporada.

O serán no local social encherase muiñeiras, pasodobres, rumbas e outros ritmos tradicionais que, quen se anime, poderá probar a bailar seguindo os sinxelos pasos que marcarán Dani Pico e as persoas que acoden ao obradoiro de baile informal promovido polo Concello, co obxectivo de que chegue a formarse unha agrupación estable que complemente as escolas de gaita e pandeireta.

A tarde -que leva trazas de se converter en foliada- completarase cunha merendada a base de chocolate e sobremesas típicas dun Entroido do que, a estas alturas da Coresma, xa só quedan as sobras.

Con todo, a Concellaría de Cultura ten preparado como último estalo festeiro un concurso á procura do freixó máis grande do concello. A intención é que os freixós participantes se presenten no local no mesmo día, pero se houbese un de tales dimensións que fose imposible transportalo, tamén se poderá enviar unha foto ao whatsapp 616 332 919 colocándolle un metro para testemuñar o seu diámetro.

Hai que anotarse no concurso nese mesmo teléfono e a cociñeira ou cociñeiro que faga o freixó de maior tamaño levará como premio un xantar ou cea para catro persoas nun restaurante local.

Premios das “Entroidadas”
Sen saír do tema que nos ocupa, esta mañá tamén se celebrou no Concello o sorteo da iniciativa “Entroidadas”, coa que o departamento de Cultura convidou a colocar espantallos na porta da casa, a imaxe e semellanza dos mecos e lardeiros ou dos bonecos de compadres e bonecas de comadres que aínda perviven noutros entroidos galegos e que aquí, en San Sadurniño, aínda lembra a xente máis vella.

O premio será unha viaxe a Allariz no mes de maio para visitar o XII Festival Internacional de Xardíns.  Poderán asistir dúas persoas de cada casa premiada -8 persoas en total-, a quen se lles porá un microbús con saída e volta a San Sadurniño no mesmo día, ademais de incluír na viaxe o xantar e as entradas na exposición de paisaxismo. As participantes premiadas foron:

  • David Dopico
  • Ana Vanessa Fernández
  • Belén Rodríguez
  • Mª del Mar López

Suplentes (para o caso de que algunha das anteriores non poida ou queira ir a Allariz)

  • Carmen Bouza
  • Carmen Couce
  • Paula Rañal
  • Mª Pilar Rodríguez

 

 

Share.