Cultura leva a celebración do Samaín ao domingo 7 cun obradoiro de cabazas e a actuación de Magín Blanco nos xardíns municipais

0

Achégase a fin de semana dos espíritos, o momento no que alén e aquén se comunican  para  salvar por un tempo a difusa fronteira entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Non é casualidade que Todos os Santos e Defuntos caian nesta época, cuxa manifestación cultural asimilada polo cristianismo ten unha raíz milenaria. Tampouco é casualidade que asistamos no presente á convivencia mesturada do Samaín e do Halloween, a pesar de que o segundo sexa unha interpretación máis ben comercial do primeiro. Pero diso falamos un pouco máis abaixo, porque o que toca en primeiro lugar é saber que ten preparado o Concello para celebrar estas datas que, disque, teñen a súa orixe nas festividades de remate das colleitas e de cambio de estación dos antigos pobos atlánticos. Ao que imos: a Concellaría de Cultura levará o Samaín para os xardíns municipais na tarde do domingo 7 de novembro cun obradoiro de labrado e decoración de cabazas que irá seguido polo espectáculo familiar “O que levamos nas maletas” de Magín Blanco. Tanto para unha cousa como para a outra fai falla inscrición previa no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Imos deixar a un lado as controversias sobre se o Halloween é unha festa importada e consumista e o Samaín un invento recente que só celebran os “jallejistas”. Deixemos tamén para outra ocasión o falarmos da realidade innegable de que ambas festas se mesturaron nos últimos anos de tal maneira que non se sabe ben cal é a diferenza entre unha e outra, polo menos mirando os atavíos cos que acode a rapazada ás citas programadas por concellos e asociacións.

Obviemos, ademais, que o cristianismo sempre mirou con cara seria as crenzas pagás asociadas aos cambios de estación e que en cada época e lugar se ocupou de adaptalas aos dogmas da fe coa súa propia narración dos feitos e o correspondente nome no santoral.

Esquezamos todo iso e asumamos que este tempo no ecuador do outono ten un aquel, chámeselle X, que vén desde moi antigo e que é compartido con elementos comúns por practicamente todas as culturas atlánticas europeas.

E non é que nolo pareza, é así. Está estudado que, por exemplo, en Escocia había o costume de ciscar a cara cos tizóns dun lume que se facía neste tempo nos claros do monte como festa de reafirmación comunitaria, igual que se pintan as caras de negro coas brasas apagadas nos magostos ourensáns… ou que as cabazas irlandesas -que despois cruzaron o mar para volvernos hoxe de rebote- se tallaban e deixaban nos camiños para espanto dos malos espíritos e de viandantes nocturnos, a mesma tradición que perviviu nalgúns puntos de Galicia usando melóns, calacús (un tipo de cabaza de grande tamaño) e mesmo nabos.

O dito: chamádelle como queirades, pero o que hoxe denominamos Samaín é o que máis se aproxima á nosa tradición, aínda que quizais haxa que axudarlle un chisco a impoñerse ao Halloween americano. A pugna é certamente difícil, aínda que non imposible, por causa do constante bombardeo mediático que nos mete polos ollos, as orellas e incluso a boca que “lo guay” é o de aló e non o que xa tiñamos aquí e case deixamos desaparecer. A cuestión é de pura e simple elección: ¿que preferimos?, ¿asimilar sen máis a cultura POP Estadounidense, ou ben indagar  que manifestacións perviven na nosa propia cultura  para poñelas en valor?. Aí queda a pregunta para reflexión conxunta.

Samaín nos xardíns con obradoiro de cabazas e actuación de Magín Blanco
A Concellaría de Cultura de San Sadurniño convida a celebrar esta fin de semana -nomeadamente as datas sinaladas no calendario como “Todos os Santos” e “Día dos fieis Defuntos”- honrando nos cemiterios a quen xa non están con nós, pero tamén asando castañas, labrando cabazas e escoitando á xente máis vella contar historias de visións, pantasmas, aparecidos e outras realidades da nosa tradición, onde nunca houbo bruxas con vasoira e gorro de punta, nin vampiros, nin zombis.

Porén, a celebración propiamente dita do Samaín promovido polo Concello está posta para a tarde do domingo 7 de novembro na pista multixogos dos xardíns municipais. Baixo unha  carpa desenvolverase un obradoiro de tallado e decoración  de cabazas que ten practicamente cubertas as inscricións -Cultura enviou hai uns días aviso ao alumnado do CPI-, que deben facerse no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Non fai falla levar nada, nin sequera cabaza ou melón (pódese traer da casa se se quere), xa que o material corre por conta do Concello

A actividade oferta 30 prazas en dúas quendas, unha de 16:00 a 17:00 e outra de 17:00 a 18:00h. Ao seu remate a cativería  poderá deixar as caveiras nun sitio ben visible do recinto.

Deseguido actuará Magín Blanco co espectáculo  “O que levamos nas maletas”, unha proposta familiar que ten o obxectivo de estimular a creatividade infantil e a súa curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua galega, polos contos e pola música.

Inicialmente ía ter lugar na Casa da Cultura -tal e como se informou no boletín Novas- pero, ao cabo, Cultura optou por trasladar a actuación aos xardíns facéndoa cadrar co obradoiro de cabazas.

Na pista multixogos do pazo resoarán temas como “O abecedario” -utilizado en centros educativos para aprender as letras en galego-, “Os meses”, “O tempo meteorolóxico”, “Os peixiños do mar” e outros moitos que achegan a riqueza lingüística do noso país a grandes e pequenas.

As entradas poden reservarse de balde contactando co Técnico de Cultura no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Share.