Correr e votar ou votar e correr

0

Este domingo 26 de maio vai ser un tanto atípico en San Sadurniño. No mesmo día cadran as eleccións municipais e europeas e a sexta edición da Carreira popular e, sendo así, e para aquelas persoas ás que lles presta correr -e que teñan feitos os 18 anos- hai dúas opcións: ir votar e despois ir acarreirar, ou ir correr primeiro e despois votar. Para calquera das dúas cousas seica vai vir un día espléndido. Mellor dito, vai vir un día fantástico que parece pensado para o deporte e para unha xornada electoral, xa que non vai chover nin tampouco vai ir unha calor abafante que nos tente de marchar á praia deixando de lado algunha desas dúas opcións que nos depara o domingo. No referido á votación, en San Sadurniño o censo recolle algo máis de 2.500 persoas que poderán exercer o seu dereito nalgunha das sete mesas que hai repartidas polas parroquias do territorio. Se falamos da carreira,  San Sadurniño vivirá unha auténtica festa do deporte con máis de 800 persoas inscritas que botarán a correr pouco despois das 11 da mañá. 

Empezamos falando pola xornada electoral, que será algo parecido a un déjà vu con respecto a hai menos dun mes, cando tamén acudimos ás urnas para elixir a composición do Congreso e do Senado. De feito, o censo é o mesmo que para aqueles comicios. Un listado con 2.514 nomes que, porén, sufriu algunhas baixas por falecementos nas últimas semanas.

As mesas continúan no mesmo sitio: unha no colexio público de San Sadurniño, unha en Bardaos -no local social-, outra en Santa Mariña -tamén no local veciñal-, a do local social de Lamas, a da parroquia de Ferreira, que estará situada no local da Seara, a de Naraío ao pé do campo de fútbol e a de Igrexafeita no local da asociación de veciños. Nesta última é onde votan as persoas censadas nos lugares das Cancelas, A Fraguela, As Nabeiras e Vilarxá -pertencentes a Naraío- e tamén o electorado da Fraga, na zona de Ferreira limítrofe con Igrexafeita.

Permanecerán abertas desde as 9.00h., aínda que a actividade nos locais electorais xa comezará unha hora antes coa chegada dos membros designados: unha presidencia e dúas vogalías e as súas correspondentes suplencias. Se faltase algunha persoa titular ocuparía o seu lugar a suplente nomeadas para cada caso. Logo comprobarase que o local está en condicións e que se dispón de todo o material -urnas, papeletas, sobres, cabina, etc.-, recibiranse as credenciais dos interventores e interventoras de cada formación e, se non hai contratempos, a mesa quedará constituída ás 8.30h.

Para votar hai que acreditar a identidade co DNI, o pasaporte -con foto- ou o carné de conducir, incluso estando caducados. Iso si, calquera destes documentos válidos ha de ser orixinal, en ningún caso unha fotocopia.

A votación pecharase ás 20.00h. e comezará o escrutinio, que é público, contabilizando votos válidos (tamén os que son en branco) e os nulos dos comicios europeos, cuxos resultados non se poderán facer públicos ata despois das 23.00h., hora en que estarán completas as votacións en toda a UE. A este respecto, e tanto nun proceso coma outro, débese ter en conta que meter dúas papeletas do mesmo partido nun sobre se considerará como un único voto válido, mentres que se no sobre van dúas papeletas distintas, o voto será considerado como nulo. É previsible que os datos provisionais das municipais se empecen a coñecer pasadas as 9.30h. -nós habémolos ir “cantando” a través de Facebook-, xa que para as municipais só concorren tres candidaturas, algo que simplifica a tarefa do reconto.

805 inscricións na VI Carreira popular de San Sadurniño
Falando da carreira, o primeiro que cómpre reseñar é que se trata dun evento deportivo máis que consolidado no norte de Galicia. E entre as razóns do seu éxito seguramente haxa que destacar as características do trazado, sen desniveis salientables e con inicio e chegada no entorno natural do paseo do Xubia. Estas condicións propician que a proba sexa apta para todos os niveis deportivos e tamén para público familiar.  Na parte absoluta -na que se correrán 5 quilómetros precedidos de 400 metros neutralizados- rexistráronse 500 inscricións, mentres que as 305 restantes son para o resto de categorías, desde Sub12 até Biberóns

Co obxectivo de axilizar o desenvolvemento das probas, a saída da primeira carreira darase ás 11.00 horas para a categoría Sub 14 e Sub 12, tanto masculina como feminina -anos 2007, 2008 e 2009-, sobre unha distancia de 800 metros arredor do paseo fluvial. A área de Deportes indica que case con total seguridade será necesario facer dúas saídas separadas para darlle cabida á elevada participación, con 69 corredores e corredoras apuntadas.

Media hora despois sairá a carreira absoluta para persoas nacidas entre 2006 e antes de 1959, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.

Prevese que esta proba dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 12.40 h. a saída da categoría de Sub 10 -anos 2010 e 2011-, na que hai 79 inscricións, e para as 12.50h. a de pitufos, na que participarán 78 nenas e nenos nacidos en 2012/2013. En Sub 10 correrán 500 metros e en pitufos só 275 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 13.00h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2014 e 2015- que só terán que botar unha carreira de 75 metros. Estas dúas xuntan en total 157 participantes, polo que tamén se lles dará a saída en dúas ou incluso tres veces.

A saída da proba absoluta será neutralizada durante os primeiros metros para evitar aglomeracións. En canto ao tráfico, tamén se conta cortar un  dos carrís da DP-7601 -a estrada de Ferreira- e maila pista da Penamoura entre o cruce coa provincial e Metalfra, xa que na competición haberá que dar dúas voltas pasando por diante de Intasa antes de volver ao paseo fluvial e facer o esprint final. Tamén estará cortada durante toda a mañá a estrada que une o Centro de Día co lugar de Cornide, permitíndose só o acceso e saída ao aparcadoiro.

O evento deportivo é puntuable para o VII Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña e está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade. Colaboran a Deputación da Coruña, o CPI de San Sadurniño, a Federación Galega de Atletismo e o Club Castro de Lobadiz. No apartado de entidades que botan unha man tamén se inclúe o Concello de Ferrol, Navantia e as empresas Fisio-Che Ben, Mesón A Granxa, Panadería O Forno, O Muíño do Pepe, SEDEGA, DECATHLON e ABANCA.

HORARIOS E DISTANCIAS DA VI CARREIRA POPULAR CONCELLO DE SAN SADURNIÑO

HORARIO

DISTANCIA

CATEGORÍAS

ANOS NACEMENTO

CIRCUITO

11.00 h.

800 m.

SUB14 masc. e fem.

SUB12 masc. e fem.

2007

2008 e 2009

Circuito 4

11.30h.

400 m neutralizados+ 5kms.

Absoluta:

SUB14

SUB16

SUB18

SUB20

SUB23

SENIOR

MÁSTER 1

MÁSTER 2

MÁSTER 3

MÁSTER 4

2006

2004 e 2005

2002 e 2003

2000 e 2001

1997,1998 e1999

1996 a1985

1984 a 1979

1978 a1970

1969 a1960

1959 para atrás

Circuito5

12.40h.

500 m.

SUB10

2010 e 2011

Circuito3

12.50h.

275m.

PITUFOS

2012 e 2013

Circuito2

13:0 h.

75m.

BIBERÓNS

2014 e 2015

Circuito1

13:15h.

Entrega de trofeos

Share.