Convocadas dúas prazas de persoal administrativo

0

Despois de que onte luns se publicasen os correspondentes anuncios no Boletín Oficial do Estado, a partir de hoxe xa se poden botar as instancias para participar nos dous procesos selectivos convocados polo Concello para cubrir dous postos nas oficinas municipais, un de persoal Administrativo e outro de Administrativo de Xestión. As persoas que desexen concorrer ao concurso-oposición, cuxas bases e temarios saíron no BOP do pasado 22 de decembro, teñen até o mércores 11 de abril -incluído- para achegar a solicitude e a documentación acreditativa dos méritos e efectuar o pagamento das taxas. O procedemento avaliará o coñecemento teórico e práctico das funcións en cada posto e, a maiores, o Concello será pioneiro introducindo unha proba oral sobre seis apartados cos que se pretende valorar a aptitude competencial das persoas candidatas, na liña de asegurar, entre outros aspectos, a efectividade no traballo, a calidade na atención á veciñanza ou o traballo en equipo. Do deseño desta parte das probas e da súa avaliación (que outorgará un máximo de 12 puntos dos 100 posibles) encargarase un equipo formado por especialistas das universidades da Coruña e Santiago.

Ambos procedementos teñen a finalidade de seleccionar persoal funcionario de carreira para a súa incorporación con praza en propiedade ao Concello de San Sadurniño. Nun caso trátase da cobertura dun posto de administrativo/a (grupo C, subgrupo, C1, escala, administración xeral; subescala: administrativa, nivel de destino 17 e complemento específico 34,95) e no outro trátase do posto actualmente vacante de administrativo/a de xestión, encadrado nas mesmas categorías pero cun nivel 19 e un complemento específico de 37,55.

Os requisitos das persoas aspirantes son os mesmos nos dous postos: ter nacionalidade española ou outra que permita o acceso ao emprego público, contar con capacidade funcional para o desenvolvemento das tarefas, ter feitos os 16 anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa, estar en posesión do título de bacharelato, FP de segundo grao ou equivalente (ou estar en condicións de obtela na data que remate o prazo de presentación de instancias) e non ter sido separado ou separada de ningunha Administración pública ou encontrarse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos, algo que aparece descrito con máis detalle nas bases publicadas no BOP do pasado 22 de decembro.

O sistema de selección será o concurso-oposición, é dicir, valorando os méritos das persoas aspirantes por formación e experiencia laboral en Administracións ou empresas privadas en postos equivalentes ( no concurso poderá obterse un máximo de 20 puntos) e tamén superando un total de catro probas de teoría e práctica eliminatorias cuxo valor conxunto máximo será de 80 puntos.

A primeira desas probas é a de coñecemento da lingua galega, que non puntúa pero si será obrigatorio superar a menos que se acredite a superación do curso de perfeccionamento ou posuír o CELGA-4.

A seguinte proba é a relativa aos coñecementos teóricos do posto, que se desenvolverá cun cuestionario tipo test de 34 preguntas sobre os respectivos temarios para cada praza, que haberá que completar nun máximo de 45 minutos. Cada pregunta valerá 1 punto e haberá que respostar correctamente a 17 para superar o exercicio. Un dato importante é que, ao non especificarse nas bases, as preguntas mal contestadas non restarán puntos.

A terceira das probas da oposición será a resolución dun suposto práctico relacionado coas funcións propias de cada posto de traballo convocado. Haberá 2 horas para resolvelo -poderanse utilizar apuntamentos ou libros de consulta, pero non móbiles ou ordenadores- e outorgaranse un máximo de 34 puntos: ata 17 pola parte de resolución e outros 17 como tope pola exposición e defensa que se faga perante o tribunal.

Unha proba específica para avaliar as competencias non memorísticas
A cuarta proba,  tamén obrigatoria e eliminatoria, vai ser a primeira vez que se poña en práctica en San Sadurniño e, de feito, o noso Concello será un dos pioneiros en Galicia en introducila nun proceso selectivo.

Trátase dunha proba oral durante 30 minutos que avaliará as seguintes competencias: efectividade, orientación ao servizo á veciñanza, aprendizaxe permanente, toma de decisións, traballo en equipo e visión global. Aspectos que van máis aló dos coñecementos teóricos e prácticos e que son tanto ou máis importantes no funcionamento diario dun Concello, sobre todo no relativo á eficiencia e a atención ás persoas usuarias.

Para facer unha valoración obxectiva, o Concello leva tempo traballando coa colaboración de especialistas en recursos humanos pertencentes ás universidades de Santiago e da Coruña, que xa teñen definido un modelo de avaliación na liña dos empregados para cubrir  postos nas institucións da Unión Europea e en sintonía co cambio que o Estado lle quere imprimir ao xeito de acceder á función pública, máis orientado a unha avaliación integral das persoas aspirantes que unicamente á súa capacidade memorística. O valor máximo desta parte da oposición serán 12 puntos.

Instancias ata o 11 de abril
Unha vez que se outorguen as puntuacións da oposición farase a valoración dos méritos admitidos e publicarase a lista provisional -cos prazos de alegación correspondentes a cada paso- e, por último, a lista definitiva coa proposta de adxudicación das dúas prazas. As persoas aprobadas pero sen praza pasarán formar parte dunha lista ante eventuais renuncias ou para chamamentos por vacacións ou baixas.

As persoas interesadas en participar no proceso selectivo teñen até o mércores 11 de abril para presentaren as súas instancias e efectuar o pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame (15,86 euros) que deberá ingresarse na conta ES74-2080-0208-0131-1000-0059. As solicitudes deberán ir acompañadas do xustificante do pagamento; da copia simple do DNI, Pasaporte ou documento de identificación; da copia simple do documento que acredite a titulación requirida e, de ser o caso, a relativa ao coñecemento da lingua galega. Tamén se deberá presentar a documentación que acredite os méritos alegados na orde establecida nas bases da convocatoria.

Documentación descargable
Bases e temario Administrativo/a
Anuncio publicado no BOE do 14/03/2022
Modelo de solicitude Administrativo/a en formato .ODT e en formato .PDF

Bases e temario Administrativo/a de Xestión
Anuncio publicado no BOE do 14/03/2022
Modelo de solicitude Administrativo/a de Xestión en formato .ODT e en formato .PDF

Share.