Convocadas as axudas para previr ataques de lobos e porcos bravos

0

A Xunta publicou hoxe a convocatoria de axudas para previr danos producidos por fauna silvestre, subvencionando para iso a merca e mantenza de cans de protección e peches que defendan o gando dos lobos, pero tamén a instalación de pastores eléctricos que tornen o porco bravo das plantacións. Para a liña referida ao lobo hai 600.000 euros e para a do xabaril 286.000. As axudas distribuiranse de acordo cun sistema de puntuación que valorará, entre outros factores, o número de cabezas de gando, superficies ou a preexistencia de danos comunicados en anos anteriores. No caso dos ataques de lobos tamén puntuará estar nun concello dos cualificados pola Xunta como “con maior probabilidade de incidencia”. San Sadurniño non figura entre eles. O prazo de solicitude será dun mes contado a partir deste venres 21 de xaneiro. Cómpre recordar, ademais, que desde finais de decembro tamén se poden pedir as axudas para compensar a perda que metan os ataques do lobo ou as fozadas do porco bravo.

Á liña para previr os danos ocasionados polo lobo poderanse acoller  as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia. Ás liñas para o xabaril poderán acollerse tamén as persoas físicas ou xurídicas inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) e incluso as destinadas a autoconsumo.

No caso do lobo as achegas diríxense á merca de cans que defendan os rabaños cun tope de subvención de 300 euros/can ata un máximo de tres exemplares (dependendo do número de reses), ademais de financiarse tamén a súa mantenza con ata 200 euros por can.

Tanto no caso de lobos como do porco bravo poderase solicitar a axuda para instalar pastores eléctricos  -600 euros como máximo por explotación- e tamén peches de distinta tipoloxía: merca e instalación de valados fixos, que ten establecido o límite en 1.750 euros se se trata de peches electrificados e de ata 4.500 se son cerramentos con malla gandeira ou cinexética metálica. Se son cerramentos móbiles de malla electrificada hai unha axuda de ata 100 euros por tramo de 50 metros ata un máximo de oito (poderían obterse 800 euros).

Toda a información sobre este procedemento -que abrirá este venres 21 o prazo de solicitude- pode consultarse no Diario Oficial de Galicia ou na Sede Electrónica da Xunta, lugar preferente para a presentación das solicitudes. Cómpre ter en conta que só serán subvencionables aqueles equipamentos -e cans- recollidos na orde que se merquen despois da entrada en vigor da mesma.

Cómpre recordar, por último, que desde finais de decembro de 2021 está aberto o prazo de solicitude das axudas que compensen os danos ocasionados por lobos e porcos bravos nas explotacións e cultivos, que deben serlle comunicados á Consellaría de Medio Ambiente a través do 012 antes de presentar a petición.

Máis información
Convocatoria para merca de cans e instalación de pastores
Axudas para paliar perdas por ataques de lobos
Axudas para paliar perdas producidas polo xabaril

Share.