Secundino García, reelixido alcalde por quinta vez consecutiva

0

San Sadurniño celebrou ás 11:30h o pleno de constitución do Concello cos nomes saídos das eleccións municipais do pasado 28 de maio. A nova corporación tomou posesión nunha sesión que durou exactamente 22 minutos e que se axustou nos protocolos ao que establece a normativa electoral, é dicir, constitución da mesa de idade, toma de promesa ou xuramento ás persoas electas, votación de alcalde e toma de posesión no cargo do rexedor, que volverá ser por quinta vez consecutiva -a cuarta con maioría absoluta- Secundino García Casal, quen saiu elixido cos votos do BNG mentres que PP e PSOE votaron por si.

Dos once nomes saídos das urnas tomaron posesión dez concelleiras e concelleiros (o edil popular José Luís Hermida Prieto, ausente, farao nos próximos días) e, entre elas e eles, Secundino García Casal foi elixido alcalde por quinta vez -a cuarta con maioría absoluta- cos sete votos favorables das filas no BNG, mentres que PP e PSOE optaron por votar polos seus candidatos: María Belén Trigo e Juan Alberto Rivera, respectivamente.

Na corporación estréanse o propio Rivera como único representante do PSOE e as nacionalistas Raquel Piñeiro e Manel Martínez, quen conformarán o grupo municipal do BNG xunto con Secundino García, Mari Carme Muíño, Manolo Varela, Araceli Bellas e Manolo Beceiro. Por parte do PP repiten os mesmos nomes: María Belén Trigo, Esther Díaz e José Luís Hermida.

O alcalde, xa como presidente da sesión, ofreceulles unha quenda de palabra aos representantes dos outros dous partidos. Na súa vez, María Belén Trigo  interviu brevemente para darlle a en hora boa ao rexedor polo resultado acadado nas eleccións e para reiterar o seu compromiso de “seguir sendo forza de oposición para que se fagan novas cousas en San Sadurniño e se melloren as que necesiten mellorarse”. Trigo tamén lle agradeceu ao seu electorado “o  apoio para hoxe esteamos aquí sentados”. Pola súa banda, o novo edil socialista, Juan Alberto Rivera, tamén felicitou ao alcalde avanzándolle, ademais, a súa intención de “estar ao teu lado para defender os dereitos do Concello”.

Secundino García tomou a palabra antes de levantar a sesión para pronunciar un emotivo discurso no que tivo palabras de agradecemento para a veciñanza “pola confianza que depositaron en min e nos compañeiros e compañeiras da lista que encabecei”, para a súa familia e para as tres persoas que non repiten neste mandato, o socialista Lois Anxo Rodríguez e as edís nacionalistas Ana Belén Breixo, Amparo Calvo e Tomás García.

García tendeu a man “ao diálogo” entre as tres forzas políticas que acadaron representación municipal, como resposta á encomenda veciñal de “falar e poñer o futuro da xente por diante do noso, porque ninguén nos obriga a estar en política”, demostrando que “é posible superar as diferenzas se ao outro lado da balanza está o noso deber de servizo á cidadanía. Asumamos que vimos aquí non para recoñecer a realidade, senón para cambiala se así podemos mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

A este respecto, Secundino García expresou o seu compromiso de “traballar por facer posible o que é necesario”, reivindicando a acción política como un exercicio que deixe a un lado “a confrontación ou a disputa”.

O novo rexedor centrou a última parte do seu discurso nas grandes liñas estratéxicas para os próximos catro anos, que pasan por reforzar a participación social na toma de decisións, a planificación da acción municipal e a defensa dos servizos públicos “en cuestións básicas para a cidadanía, relacionadas cos seus dereitos sociais, económicos e culturais, son a clave para corrixir desigualdades e garantir a xustiza social”. García tamén se referiu ao obxectivo de que o Concello sexa “un axente dinamizador económico, e por suposto, tamén social, en condicións de sustentabilidade ambiental, social e económica, porque os nosos sectores produtivos teñen que ser tamén a garantía para as xeracións futuras”.

O presidente da corporación municipal constuída hoxe rematou asegurando sentir “a maior honra” por ser reelixido  alcalde, a pesar de que tal responsabilidade “ás veces xera momentos difíciles e mesmo dolorosos” por non poder dar resposta ás necesidades das persoas. García comprometeuse a “redobrar esforzos” para “comprender e ser comprendido” co obxectivo de seguir mantendo “unha relación de confianza” coa veciñanza de San Sadurniño.

Nos próximos días as tres formacións deberán solicitar a constitución de grupo municipal e agárdase que antes do remate de xuño se convoque o pleno de organización, onde se dará conta da composición da Xunta de Goberno Local e outros órganos municipais, así como das delegacións de concellarías e dedicacións.
_DSC1529_Original ratio_2500x1406_H_90

Foto da corporación 2023-2027, na que só falta o edil popular José Luís Hermida, quen tomará posesión dentro duns días

 

Share.