ConcienciArte propón un obradoiro de destilación de herbas ao tempo que prepara a festa de Silvalonga

0

A asociación de cultura alternativa ConcienciArte anda a voltas con dúas actividades para as dúas fins de semana que restan do mes de xullo. E é que este domingo organizan un obradoiro de iniciación á destilación de herbas aromáticas e medicinais impartido por Sandra Regueiro, creadora do proxecto Apañando Herbas, mentres que o domingo 26 terá lugar a festa ao pé da capela do Santiago -recuperada nos últimos anos polo colectivo-, cun programa que inclúe música, un xantar e actividades para todas as idades ao pé da capela na honra do santo. Tanto para o obradoiro do 19 como para o xantar do 26 de xullo popular fai falla inscrición previa. 

A primeira proposta é o obradoiro de extracción de hidrolatos, que son as augas aromáticas que se obteñen durante o proceso de destilación de plantas mediante vapor de auga. A diferenza dos aceites esenciais, conteñen compostos hidrosolubles e unha pequena concentración de moléculas aromáticas, polo que se empregan en cosmética natural, aromaterapia ou coidado persoal, sempre desde un uso responsable.

O seu valor depende tanto da planta utilizada como da técnica de destilación e do control de todo o proceso, do que falará Sandra Regueiro, impulsora do proxecto Apañando Herbas e especialista en formación e divulgación da destilación botánica.

Durante a sesión, o alumnado verá paso a paso o funcionamento dun alambique tradicional de cobre, ademais das técnicas que cómpre poñer en práctica para obter un hidrolato de calidade, desde a preparación da planta ata a recollida do produto final, prestando atención a aspectos como o ritmo da destilación, o pH, o filtrado e a conservación. A especie vexetal que se destilará confirmarase nos días previos, en función do seu momento óptimo de recolección.

O curso desenvolverase este domingo 19 de xullo, entre as 10:00 e as 14:00 horas, na antiga escola de Silvalonga, sede de ConcienciArte. As persoas participantes recibirán un dossier completo, unha mostra do hidrolato elaborado durante a xornada e acceso á comunidade de alumnado de Apañando Herbas. O prezo da actividade é de 55 euros e as inscricións poden formalizarse a través da páxina web de Apañando Herbas. 

Santiago ao pé da capela
Unha semana despois, o domingo 26 de xullo, a veciñanza -e visitantes- de Silvalonga xuntarase para celebrar a festividade de Santiago cunha programación que comezará ás 11:30 horas coa tradicional alborada, á que lle porá música o grupo da asociación Vai Rañala Meu!, de Sedes, que ofrecerán un pequeno concerto sobre as 12:15h no campo da festa, xusto antes da misa e da sesión vermú animada pola solista Vanesa Ramil.

A partir das 15:00 horas terá lugar o xantar popular, cun menú composto por salpicón de marisco, empanada, churrasco, refrescos, auga, viño, larpeira, café e licor. O prezo é de 35 euros por persoa (de balde para menores de 12 anos). A organización lembra que é necesario reservar antes do 20 de xullo, chamando ao teléfono 644 259 016 (ConcienciArte) ou adquirindo os tíckets na libraría Brétema de San Sadurniño.

A programación continuará ás 16:30 horas coa sobremesa musical do grupo de Cantos de Taberna de Sansa, seguida, ás 17:00 horas, de actividades para a rapazada conducidas por Xela Barro. A xornada enfiará a súa parte final a partir das 18:00 horas cunha sesión de discomóbil e karaoke. Ademais, durante toda a festa poderá visitarse a mostra “Silvalonga no tempo”, unha exposición de imaxes antigas recompiladas pola veciñanza coa que se recupera parte da memoria colectiva deste lugar de San Sadurniño.

 

Share.