ConcienciArte e o Xeoparque propóñennos actividades ao aire libre para esta Semana Santa

0

Durante a semana festiva que nos vén aí, o colectivo ConcienciArte organiza os “Paseos conscientes”, unha proposta para reconectar coa terra e reducir o estrés a través da atención plena á natureza. A actividade, que custa 35 euros, desenvolverase os días 12, 13, 17, 18, 19 e 20 de abril a partir das 10:30h nos arredores do castelo e da fervenza de Naraío, antes de culminar cunha reflexión conxunta e un tentempé no antigo muíño de Caetano (hai anos casa de turismo rural). As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse no 626 562 986.  Por outra banda, o Xeoparque do Cabo Ortegal tamén nos ofrece dúas xeorrutas o venres 18 e o domingo 20, para as cómpre ir reservando a través desta ligazón.

Segundo comentan desde ConcienciArte, os “Paseos conscientes” son camiñadas guiadas por espazos naturais que teñen como obxectivo promover o benestar físico, mental e emocional a través da conexión co entorno. Durante o percorrido, as persoas participantes realizarán exercicios de respiración e prácticas de “atención plena”, centrando os sentidos na natureza que as rodea para desacelerar o ritmo e liberarse das tensións cotiás.

Esta actividade comezará ás 10:30h no castelo de Naraío e despois baixará até a fervenza do Castro,  un enclave que convida á contemplación e á calma. Ao longo do sendeiro, traballarase na percepción sensorial: escoitar os sons do bosque, tocar a terra e as árbores, sentir a textura das follas ou respirar fondo o aire limpo do lugar. Trátase dunha maneira de “mimetizarse” coa natureza, segundo a filosofía do colectivo organizador.

A asociación ConcienciArte, promotora da iniciativa, sinala que estes paseos teñen base científica, pois estudos demostran que reducen os niveis de cortisol —a hormona do estrés—, fortalecen o sistema inmunitario e axudan a diminuír a tensión arterial. Ademais, aseguran que este tipo de actividades melloran o funcionamento da dopamina, un neurotransmisor clave para manter o equilibrio emocional e cognitivo.

A proposta arrancará este sábado 12 e repetirase o domingo 13 e os días centrais da semana festiva, desde o xoves 17 ao domingo 20. Cada xornada comezará cunha breve parada de preparación na que se “activará o corpo” e se observará o estado emocional previo ao paseo.

Tal e como explica a información facilitada por ConcienciArte, por medio destes momentos de introspección e presenza, búscase “aliñar o ritmo interno co da natureza, fomentando a calma, a atención ao presente e o coidado persoal”. O paseo rematará cun tentempé compartido, que permitirá integrar a experiencia e socializar nun ambiente relaxado.

A actividade está aberta a todas as persoas interesadas en mellorar a súa saúde e calidade de vida a través dunha experiencia “consciente e transformadora”. O prezo é de 35 euros e inclúe guía especializada. As prazas son limitadas e as inscricións poden realizarse chamando ao teléfono 626 562 986.

Xeorrutas de Semana Santa
Ademais de ConcienciArte, o Xeoparque do Cabo Ortegal tamén non ten preparadas dúas interesantes propostas de lecer ao aire libre nas que aprenderemos unha chea de cousas sobre a historia do noso planeta, ou polo menos o capítulo que nos contan as exclusivas rochas e formacións que hai na nosa zona.

A diferenza doutros anos, cando se organizaban varios itinerarios por distintos recursos do xeoparque UNESCO, desta vez preparáronse dúas rutas circulares, unha para coñecer a riqueza xeolóxica e paisaxística da zona costeira, e outra coa mesma filosofía, pero achegándose aos principais enclaves do interior.

Os percorridos faranse en autobús, aínda que parando e baixando naqueles lugares máis destacados. En cada un deles, o Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa ofrecerá unha explicación que nos axude a comprender os fenómenos e as incribles forzas que durante millóns de anos configuraron -e configuran aínda- a terra que pisamos.

O primeiro itinerario en desenvolverse será o da costa, con saída e chegada na praza de Galicia, en Cedeira, o venres 18 de abril ás 10:00h (a volta está prevista para as 14:30h). A segunda xeorruta, a do interior, sairá de diante da oficina de Abanca en San Sadurniño o domingo 20, tamén ás 10:00h e coa mesma hora de regreso. Na nosa zona visitaranse, entre outros, o Pico de Ferreira, a canteira de toelo de Penas Albas ou os históricos muíños de Loureiro, no límite entre Cerdido e Moeche.

Ambas rutas teñen un prezo de 18 euros e prazas limitadas, polo que cómpre apurar a reservar a través da web do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Share.