Concello e Casa do Mel reeditan o seu acordo de colaboración anual

0

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidentes da Asociación Casa do Mel, Manuel Ferreira, asinaron hai uns días o convenio de colaboración entre o Concello e a entidade para a promoción da apicultura ao longo deste 2024. O acordo reflicte o apoio ao consistorio neste ámbito, pero tamén o compromiso da asociación de manter o colmear didáctico da Cortiña e de organizar un curso gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño (xa celebrado no mes de maio), ademais de levar a cabo outras actividades. O importe do acordo, que se traduce nunha subvención nominativa en favor da Casa do Mel, ascende a 2.000 euros.

O convenio delega na Asociación Casa do Mel o mantemento das colmeas  situadas na esquina surleste da Horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos. Segundo se recolle no texto asinado por Secundino García e Manuel Ferreira, a entidade deberá repoñer elementos deteriorados, ofrecerlles ás abellas os coidados que requiran e mesmo contratar un seguro de responsabilidade civil polos danos que puidesen causar.  As cláusulas refírense tamén á obriga de colocar trampas con atraentes para previr os ataques da Vespa velutina nigrithorax.

O acordo inclúe unha parte didáctica, vinculada á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural e á organización do curso anual de introdución á apicultura que se desenvolveu no mes de maio e que, a diferenza de anteriores edicións, foi totalmente gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño e persoas socias da Casa do Mel.

Por outra banda, a asociación tamén asume o compromiso de comunicarlle con dez días de adianto ao Concello e á AGFA do Eume (xestora da horta) as visitas guiadas ou outras actividades que vaia levar a cabo no colmear, coa finalidade de coordinar mellor o uso do espazo e reforzar a seguridade se se van facer labores que impliquen abrir as colmeas ou excitar as abellas.

Como cláusulas comúns a todas as subvencións nominativas outorgadas polo Concello estarían a da obriga do uso do galego en todas as actividades obxecto do convenio, a de reflectir na información e publicidade o financiamento municipal e, en relación co anterior, o requisito de empregar o logo municipal e o do Xeoparque do Cabo Ortegal en todas as comunicacións. Tamén se cita a esixencia de utilizar unha linguaxe inclusiva e non sexista e o compromiso de colaborar co Concello na promoción da igualdade e a prevención das violencias por razón de xénero.

En base ao estipulado no documento, a entidade percibirá unha axuda nominativa de 2.000 euros. Nestes días como adianto o 75%, mentres que o outro 25% se librará cara a finais de ano, cando presenten a memoria e as facturas xustificativas dos gastos, referidas en todo caso á anualidade 2024.

Share.