O Concello de San Sadurniño e a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume (AGFA) veñen de renovar o seu convenio anual de colaboración para o mantemento da Horta de Conservación de Froiteiras Autóctonas Carlos Fornos, situada na Cortiña, e para a recuperación das castes do país. O acordo implica unha achega económica de 4.000 euros para a entidade, que tamén lle ofrecerá apoio ao Concello e inclúe o apoio técnico ao Concello en accións formativas, divulgativas e de difusión. Entre elas figura o concurso de froita que se celebrará este sábado no marco da XVII Feira Rural, onde poderán participar lotes colleitados na comarca. As inscricións deberán facerse o propio día da feira.
O convenio nominativo asinárono o venres ao mediodía o edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela, e o novo presidente da AGFA do Eume, Manuel Galdo, para dárlle continuidade ao vínculo que o Concello e a entidade veñen mantendo desde hai anos arredor da Horta Carlos Fornos, un espazo de conservación e demostración das froiteiras autóctonas das comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal.
O convenio establece que a asociación se encargará dos traballos necesarios para conservar e manter a horta, así como de repoñer as árbores que se perdan por enfermidades, ataques de roedores, roturas ou outras causas. Tamén asumirá a incorporación de novas variedades autóctonas, especialmente maceiras, pereiras, cerdeiras, ameixeiras, pexegueiros e pavías procedentes da nosa zona.
A achega económica municipal, consignada nos orzamentos de 2026, responde ao interese do Concello por contribuír á conservación da biodiversidade agraria e ao desenvolvemento de sistemas alimentarios máis sostibles. A recuperación das variedades tradicionais está ligada, ademais, á recuperación da produción de froita e á súa comercialización en circuítos de proximidade, favorecendo o aproveitamento das hortas e reducindo a perda de variedades adaptadas ao territorio.
Dentro dos compromisos asumidos pola AGFA do Eume tamén figura a organización dun curso de fruticultura de polo menos 20 horas, que contará cun desconto do 50 % para as veciñas e veciños de San Sadurniño. A entidade encargarase igualmente de coordinar as visitas que se realicen á horta co obxectivo de divulgar o coñecemento das froiteiras tradicionais e da fruticultura.
O acordo contempla, finalmente, a colaboración da asociación nas actividades municipais relacionadas coa promoción da froita autóctona. É o caso da Feira Rural, que conta coa axuda da AGFA organizando o concurso de froita da comarca e tamén no desenvolvemento de dous paseos divulgativos pola colección de froiteiras da Cortiña, un ás 11:30h que inclúe un obradoiro de enxertado, e outro ás 17:30h que tamén mostrará técnicas de poda de verán.
Premios para os mellores lotes de froita
No concurso pode participar calquera persoa afeccionada ou interesada na recuperación das variedades tradicionais e non existe un límite de lotes por participante, aínda que só se poderá recibir un premio por unidade familiar. Cada lote deberá estar composto por froita dunha mesma variedade e ter, con carácter xeral, un peso mínimo de dous quilos, procedente de hortas tradicionais de Ferrol, Eume e Ortegal.
As persoas participantes deberán presentar os seus lotes na carpa principal entre as 10:30 e as 11:30 horas. O xurado, integrado por dúas persoas en representación do Concello e dúas da AGFA, comezará a valoración ás pouco despois das 11:30h, tendo en conta aspectos como a identificación da variedade, o seu carácter autóctono ou antigo, a presentación, a cor, o sabor, a forma, o tamaño, a pel e a presenza de defectos ou enfermidades. O fallo coñecerase ás 13:15 horas e a entrega dos premios está prevista para as 13:30.
Os galardóns serán tres cestos de produtos de proximidade valorados en 100 euros para os tres mellores lotes. Ademais, todas as persoas participantes recibirán como agasallo unha froiteira autóctona. Os lotes premiados sortearanse pouco antes da clausura da feira, a iso das 19:45h. As cestas que non recibisen premio quedarán en poder das persoas que as presentasen a concurso, ás que se lles dá a posibilidade de vendelas alí mesmo, como maneira de favorecer a recuperación dos mercados tradicionais.