O Auditorio Municipal de Narón acolleu este mércores o encontro final do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ 2024, ao que asistiron as traballadoras da cooperativa Rexenerando, promotora do proxecto, a Deputada de Igualdade, Soledad Agra, como representante da administración financiadora, técnicas e concelleiras das áreas de igualdade de Fene, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño. Ademais, contou con representación de estudantado e docentes dos centros educativos participantes nesta primeira edición: o IES de Fene, o IES Catabois, o IES Terra de Trasancos, o IES Fernando Esquío e o CPI San Sadurniño e CPI Atios. O espazo, que se desenvolveu entre as 11 e as 14h, serviu como acto de peche e celebración desta primeira edición, servindo ao tempo para seguir tecendo rede e avaliar o traballo feito.
O equipo do LAB estivo traballando entre os meses de setembro e decembro nos seis centros participantes, desenvolvendo tanto accións co estudantado como con familias e docentes. A mocidade foi a protagonista do proceso; leváronse a cabo obradoiros de sensibilización en materia de diversidade sexual con doce grupos da comarca, entre 3º ESO e 1º Bach. Contaron cunha primeira sesión de marco xeral, unha segunda con alumnado voluntario para afondar na súas vivencias a respecto da diversidade sexual, e unha última para o prototipado de accións que se poderían desenvolver no seu territorio para visibilizar este tema. Este traballo educativo complementouse cun cuestionario previo onde coñecer as percepcións da mocidade a respecto da diversidade sexual.
Con profesorado e familias, pola súa parte, desenvolvéronse seis obradoiros de dúas sesións cada un, onde sensibilizar e reflexionar sobre como acompañar as adolescencias nesta área. Partiuse dos resultados do cuestionario inicial para entender cales son as reflexións, discursos e necesidades do estudantado, e artellar desde aí respostas significativas.
Na súa edición 2024, participaron directamente nos obradoiros do LAB un total de 287 persoas (241 alumnado, 46 docentes e familias).
Traballo en rede
O Laboratorio traballou ademais coas áreas de igualdade dos seis concellos participantes, facendo unha primeira diagnose de accións que están levando a cabo en materia de diversidade sexual, e devolvendo posteriormente as propostas e necesidades do alumnado para a súa valoración.
Involucrou así mesmo a entidades LGBT+ como Avante LGBT+ Ferrolterra, o Colectivo Agrocuir da Ulloa, o Club de Lectura Queeruña, ou a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+, dando a coñecer o seu traballo entre os diferentes círculos participantes e promovendo a xeración de sinerxías.
Trala presentación do equipo que desenvolveu a acción educativa, na sesión de clausura de onte en Narón houbo unha dinámica na que os axentes de cada territorio se sentaron de maneira independente para coñecer mellor as propostas do estudantado para a incorporación da perspectiva da diversidade sexual nos seus territorios, e para valorar se algunha delas pode ser integrada nas políticas locais ou a acción do centro educativo. Despois da merenda de media mañá, un segundo espazo serviu para avaliar por círculos o traballo feito, recollendo apreciacións que poidan orientar as vindeiras edicións do LAB.
Un programa con vocación de continuidade
O LAB LGBT+ está financiado pola Deputación da Coruña, ao abeiro do programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de políticas de xénero. A cooperativa Rexenerando, equipo impulsor, seguirá traballando para continuar co programa na comarca no 2025.