Carta aberta para o Apalpador, Papá Noël e os Reis Magos: consellos para un Nadal sostible

0

As datas que nos veñen aí multiplican o consumismo e incluso a compra compulsiva, ademais do noso desexo de que os Reis, Papá Noël e o Apalpador cumpran todas as expectativas da rapazada. Porén, agora máis que nunca debemos pensar en que o planeta ten uns recursos limitados e obrar en consecuencia con xestos tan sinxelos como apostar polos produtos e o comercio de proximidade, comprando con cabeza, fomentando a solidariedade e dándolles exemplo ás nenas e nenos do importante que é a sostenibilidade social e ambiental. Por iso, o Concello de San Sadurniño pídevos que como nais e pais lle enviedes esta carta aos persoeiros máxicos que virán durante estas festas:

Queridos Reis, Apalpador e Papá Noël:

Nestas festas queremos axudarvos a elixir os mellores agasallos para os nenos e nenas. En primeiro lugar, pensade en obxectos que promovan a creatividade e o desenvolvemento cognitivo da rapazada, como poden ser os xoguetes educativos, libros e materiais artísticos. Son unha elección excelente que entretén e que lles axuda no seu crecemento intelectual.

Considerade tamén regalos que fomenten a conexión coa natureza e o aire libre e que tamén sexan o máis sostibles que se poida, sen moitos envoltorios e procurando que estean fabricados con materiais doados de reciclar. Bicicletas, enredos para andar por fóra ou incluso actividades en contacto co medio ambiente -como o programa municipal Terra de Vida– son unha boa opción que contribúe ao benestar e o desenvolvemento infantil dun xeito divertido, ademais de animar á cativería a explorar e respectar a natureza. 

Non esquezades tampouco a importancia de xogos que promovan a inclusión, a igualdade e a diversidade. Os xoguetes que representan diferentes culturas, razas e xéneros axudan a construír unha visión máis ampla e respectuosa do mundo. Inculcar valores de tolerancia e empatía desde a infancia é un regalo impagable para o futuro.

Por último, recordade: os mellores regalos son aqueles que se acompañan de tempo de calidade xunto á familia. Podedes considerar experiencias compartidas, como entradas para espectáculos, escapadas ou mesmo unha xornada dedicada a xogos en familia. Estes momentos son os que se lembran para sempre e crean vínculos máis fortes. 

Grazas aos cinco por elixirdes agasallos que ficarán no corazón das  nosas nenas e nenos. Bo Nadal.

Share.