Cámaras, acción! arranca o Chanfaina lab

0

Empeza o Chanfaina Lab. En realidade xa empezou hai uns días cos obradoiros de actuación e de planificación audiovisual ofrecidos, respectivamente por Kevin Lorenzo e Domingo D. Docampo. Porén, a parte máis fílmica, por así dicilo, arrancou este mediodía coa recepción dos realizadores e realizadoras, que asistiron na Casa da Cultura a unha pequena presentación introdutoria tanto do encontro como do territorio e, posteriormente, foron dando un paseo até o arboreto da Cortiña para amadriñar árbore conmemorativa da presente edición. Á tarde tocou visita cultural e presentación de participantes na Eira de Cineastas, antes de cear e recollerse para os dous intensos días que quedan por diante.

Este ano a foto oficial fíxose no castelo de Naraío despois do xantar, como remate dunha ruta cultural guiada polo historiador e arqueólogo Eloi Saavedra que tamén incluiu unha parada na ponte da Ferraría -co seu verraco de pedra-, como elementos históricos máis destacados do medievo en San Sadurniño

A última hora da tarde celebrouse a “Eira de cineastas”, consistente nunha presentación dos creadores e creadoras asistentes e no pase de pezas ou fragmentos de cada unha delas. Unha presentación que foi precedida da actuación do bailarín local Mateo Couce, interpretando o fragmento “Nightmares” do filme documental “Young Men”.

O cine volve mañá ás 20:00h. coa proxección dos Clásicos Chanfaina lab, dedicados este ano ao castelo de Naraío. Na Casa da Cultura e con entrada libre pasaranse 7+1 (2024), de Soraya Yáñez; Madeira de piñeiro e Nova Zelanda non quedaban tan lonxe (2015), de Brais Breijo; Electra (2018), de Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón; Sibila (2017), de Carla Andrade; O Seixo sentido (2024), de Noa Cortizas e Suevia Fernández; Velos na tebra (2024), de Iago Lourido; Con ollos de xigantes (2019), de Ana Martínez; e, por último, Non teño dono (2019), de The Sungirls.

Os clásicos culminarán unha primeira xornada de gravación en que os distintos equipos -integrados por arredor de 40 persoas na presente edición- estarán ciscados polo territorio producindo as súas curtas, igual que o domingo.

No segundo e último día de filmacións tamén teremos como actividade aberta ao público -Casa da Cultura, 20:00h, entrada libre- a obra de humor “Sesión contínua”, de Bucanero Teatro, que homenaxea o mundo do celuloide.

Share.