Brío tampouco para no verán

0

Xa dixemos varias veces que a Asociación Cultural Brío é unha das entidades máis activas de San Sadurniño, e ademais traballando coa poboación máis nova do noso concello cunha proposta multidisciplinar centrada en distintas expresións artísticas. Teñen grupos de hip-hop, de danza estética e de debuxo e pintura. Durante a pandemia, agás nos momentos de maior dureza, foron quen de seguir traballando coa rapazada, aínda que a un ritmo menos intenso e coidando moito a prevención. Agora que xa non hai restricións -anque sigamos en pandemia- están de novo ao cento por cento, tal e como demostraron na celebración do 28-X ou no peche de curso de hai uns días. E non paran, xa que de cara ao verán organizan máis cousas. Concretamente “Inglés Xogando”, un obradoiro de “Lettering” e tamén as súas clases habituais de hip-hop e baile moderno. Para informarse ou anotar as nenas e nenos pódese contactar coa entidade en briodanza09@gmail.com.

A principal novidade é o obradoiro de “Lettering-Letreando ando” que se vai desenvolver os días 14, 21 e 28 de xullo. A cativería sabe de sobras que é isto do “lettering”, pero para quen aínda non coñeza esta disciplina abonda con explicarlle que se trata de algo parecido á caligrafía -o que faciamos naqueles cadernos de Rubio de toda a vida-, pero parándose moito no detalle e no trazo preciso.

O “lettering” pode levarse á práctica con ordenador, con lápices, con pinceis, con pluma, cun tizón, ou mesmo cun eyeliner, como demostra o tipógrafo e deseñador galego Rubén Prol@zezinhoneste chío en twitter,… aínda que o máis extendido é debuxar letras utilizando uns rotuladores especiais de punta longa e flexible. Con eles fanse as astas, cartelas, brazos, bágoas e íbulos (así se chaman algunhas das partes das letras tipográficas) máis ou menos grosas e cunha cor máis ou menos intensa dependendo da presión que exerzamos, sen sacrificar en ningún caso a definición dos bordes.

O “lettering”, que significa literalmente “letreando” ou “debuxando letras”, non é cousa nova, pero si cobrou moita forza nos últimos anos, sobre todo entre a xente nova, como modalidade artística ou simplemente como manualidade relaxante coa que ademais podemos decorar libros, facer cadros ou darlle o toque de distinción que lle faltaba á tarxeta ou o envoltorio dun agasallo.

O obradoiro “Lettering-Letreando ando” está organizado pola Asociación Brío en colaboración coa web e tenda especializada ferrolá Rico-Telia. Desenvolverase os días 14, 21 e 28 de xullo e para consultar horarios e outros datos hai que contactar coa entidade no correo electrónico briodanza09@gmail.com ou a través da súa páxina en Facebook.

Xunto con esta actividade -que segue o camiño dos obradoiros artísticos do resto do ano-, Brío tamén ten a porta aberta para todos os nenos e nenas que queiran entrar formar parte dos seus grupos de hip-hop e baile moderno. Ademais durante este verán tamén volven repetir a experiencia de aprender inglés xogando, que é como mellor quedan as cousas.

Share.