Convocados os Bonos Activa comercio para o ano 2024, co obxectivo de incentivar a demanda comercial, axudando economicamente ás persoas consumidoras, así como fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.
Persoas beneficiarias: As persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia. Para seren beneficiarias, terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.
Entidade colaboradora: A entrega e a distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Orde do 16 de febreiro de 2024 do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.
Actividade subvencionable: Subvencionarase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa. As vendas subvencionadas serán as que se realicen nas datas de descarga dos bonos.
Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 30 € para as compras realizadas nos comercios adheridos. Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento ou, de ser o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.
Alta e requisitos dos comercios para a adhesión ao programa (establecementos): Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal
Presentación da solicitude dos bonos (persoas usuarias): a solicitude e a obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonosactivacomercio.gal
Sistema de funcionamento dos bonos:
- A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha APP que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).
- Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, os/as comerciantes terán que descargar no seu móbil a APP bonos Activa comercio.
- No momento da compravenda, os/as comerciantes terán que introducir na APP o importe e o concepto da venda, e aparecerá automaticamente o importe que ten que cobrar (unha vez aplicado o desconto). Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.
- Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas acade os 2.500.000,00 €.
Data de descarga dos bonos: Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 4 de novembro ata o 31 de decembro de 2024 ata o fin do importe do orzamento total da axuda.
Prazo de adhesión dos comercios: dende o 23 de outubro de 2024 ata o esgotamento do crédito dispoñible ou, en todo caso, ata o 15 de decembro de 2024, sen prexuízo da súa posible ampliación.
Período de vixencia para a descarga dos bonos por parte das persoas usuarias: do 4 de novembro ao 31 de decembro, salvo esgotamento do crédito.
O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada, de acordo cos seguintes criterios:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías se entenden co IVE incluído.