Bardaos inicia hoxe tres días de festa na honra de Santa María… e a celebración do 30º aniversario do San Pipote

0

Agora que tanto se fala do informe PISA e da calidade do ensino, temos que falar de dúas figuras retóricas coas que nos machacaban na escola: a metonimia e a sinécdoque, ¿lembrades?. A primeira, repasemos, consiste en referirse a unha cousa co nome doutra coa que garda relación, mentres que a segunda, a sinécdoque, vén sendo nomear o todo de algo por unha das súas partes.  Xusto o que pasa co San Pipote, parte dependente das festas de Bardaos que chegou ao punto de engulir literalmente a denominación oficial da patroa, que é Santa María. Feita esta precisión, que ten unicamente a función de aclarar conceptos, o que nos ocupa é falar de tres días de troula que van arrancar esta noite no local social e que virán marcados pola celebración dos 30 anos do santo bocoi.

A primeira parada do programa lévanos ao local social da Bañoca. A partir das 23:00h deste xoves, como vén ocorrendo desde hai unha pilísima de anos, a juventú -e a non tan juventú– está chamada para xuntarse e botarlle unha arrincadeira na compaña do grupo De Lorean, que fan versións acústicas de temas moi coñecidos de hoxe e de onte.

Para mañá venres, primeiro día da festa propiamente dito, o cartel sinala que haberá misa solemne a partir das 13:30h, de maneira que a sesión vermú posterior, coa orquestra Escaparate, comezará cerca das 14:30h. A formación musical repetirá pola noite -23:30h- xunto coa Fania Blanco Show. 

Porén, antes de poñer a atención na noite, hai que atenderlle ás xa clásicas Olimpiadas Parroquiais que este ano se pasan ao venres ás 18:00h. Disciplinas ocorrentes e disparatadas que poñen a proba equilibrio, forza e outras habilidades no grande campeiro, libre de gando para a ocasión, situado ao pé da área recreativa.

O terceiro día de Santa María, o sábado, que se espera caloroso, iniciarase coas alboradas dun grupo de gaitas e percusión que virará durante o día por todos os lugares da parroquia ata que non quede ningún recuncho sen visitar.

A misa volverá ser ás 13:30h, seguida dunha potente traca de fogos e da sesión vermú co grupo Elebe 2.0. Pola tarde tocará relax e, pola noite, recta final de Santa María con Elebe 2.0 e Origen, ademais da irrupción dos bocois cheos de calimotxo da procesión do San Pipote, prevista para as 01:30h, na que Carlos Cobelo volverá arengar a audiencia desde o escenario co seu discurso totalmente desprovisto de filtros.

Máis festa en outubro
E o cuarto día, domingo, non haberá festa… aínda que a troula en Bardaos aínda nos depara unha xornada solta o día 16 de outubro. E é que ese venres tocará Orquestra Cinema, unha das que máis están petando neste verán, despois de que a comisión de festas ganase por votación popular a segunda edición do Xanela Fest. Bardaos presentouse ao concurso convocado por Xanela -empresa de comunicación e internet- en representación de San Sadurniño. O premio é unha actuación gratuíta da Cinema, situada nos primeiros postos das mellores orquestras de Galicia.

 

Share.