Bando da alcaldía referido á recollida dunha manda de cabalos

0

O Concello acaba de publicar un bando no que se fai saber que esta mañá foron capturadas unha decena de bestas que andaban ceibas polas pistas do núcleo de Racamonde, en Naraío, “causando un grave risco para a seguridade viaria”. Son seis eguas e un cabalo adulto, ademais de dúas poldras e un poldro, que foron trasladados en depósito a unhas instalacións situadas en Xermade.

No bando, que se pode descargar algo máis abaixo, sinálase que as persoas físicas ou xurídicas que se chamen aos animais deberán identificalos, acreditar a propiedade perante o Concello e facerse cargo dos danos que tivesen causado. Tamén deberán aboar os gastos de captura e mantenza durante os días en que permanezan en depósito.

No caso de que non se identifiquen nin se reclamen, os équidos consideraranse mostrencos (sen dono/a coñecido) e, de acordo coa normativa autonómica, poderán ser vendidos en poxa pública, ser entregados de maneira gratuíta en acollida -esta é a opción pola que se decantaría o Concello- ou, en último caso, ser enviados a un matadoiro autorizado con destino á destrución.

A persoa ou persoas propietarias terán 3 días hábiles de prazo -contados desde este xoves 3 de xuño, incluído- para reclamar os animais. É dicir, deberán chamarse a eles -e demostrar a propiedade- o luns 7 de xuño como moi tarde.

Enlace ao bando da alcaldía

 

Share.