Axudas a favor das persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras afectadas polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando.
Persoas beneficiarias: Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando que se especifica no anexo I e que fose afectado por ataques de lobos dentro da Comunidade Autónoma.
Comunicación do dano: Nas vinte e catro horas seguintes ao ataque no caso de gando en réxime intensivo e de tres días no caso de gando en réxime semi-extensivo ou extensivo, as persoas propietarias das reses deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012.
Prazos:
a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2024 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde. É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 19 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2024.
b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano.
Cantidade: O importe das axudas por morte do gando figura no anexo I desta orde para cuxo cálculo se tivo en conta tanto o dano emerxente como o lucro cesante. Este importe incrementarase nun 10 % no caso daquelas explotacións en que se comprobase a aplicación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo (cans para a protección e defensa do gando, cerrumes de malla electrificada, valados fixos electrificados e valados fixos con malla gandeira ou cinexética, e que fosen avaliadas como axeitadas pola Comisión de Valoración correspondente.
No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados (enténdese por gasto veterinario tanto a actuación do persoal profesional como o tratamento prescrito)
Os gastos de eutanasia producidos e acreditados serán compensables. O importe máximo da compensación dos gastos de eutanasia por animal establécese en 75 €. No caso de que os gastos excedan este importe, a persoa beneficiaria terá dereito á axuda máxima, é dicir, 75 €.